Galicia consolídase como unha das principais comunidades españolas en produción de carne de bovino

A nosa é a segunda autonomía en número de cabezas de gando vacún e ocupa o terceiro lugar por reses sacrificadas
Por o 14/01/2018 | Sección: Alimentación
Galicia consolídase como unha das principais comunidades españolas en produción de carne de bovino

Galicia consolídase como unha das principais comunidades autónomas españolas en produción de carne de bovino. Así o reflicten os últimos datos oficiais do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, correspondentes a 2016. Galicia é a segunda autonomía en número de cabezas de gando vacún, cun 14% do total, só superada por Castela e León, co 22% do censo nacional.

Canto ao número de cabezas sacrificadas, a nosa comunidade ocupa o terceiro lugar, con 400.280 animais, tras Cataluña, que ostenta o primeiro posto, con 525.139, e Castela e León, que contabiliza 427.991. Así pois, estes tres territorios concentran máis da metade da produción total de España, que se sitúa nos 2,3 millóns de cabezas.

Por provincias salienta o caso de Lugo, que con 122.051 cabezas sacrificadas non só é o primeiro territorio no ranking galego, senón que chega ao terceiro lugar en España, só superada por Barcelona e Girona. Do resto de provincias galegas, o segundo posto corresponde a Pontevedra, con 115.607 animais sacrificados, seguida de A Coruña, con 109.134 e Ourense, con 53.488.

Se contabilizamos só as tenreiras e o bovino novo (de menos de 12 meses) sacrificado, Galicia mantén o segundo posto dentro de España, con 227.695 cabezas, fronte os 364.924 animais de Cataluña. Ambas comunidades autónomas representan, en conxunto, máis da metade do total nacional neste eido.

Calidade

Galicia mantén ademais o liderado nacional na produción de carne de bovino de calidade amparada por un selo de garantía. Así, dentro das 10 indicacións xeográficas protexidas (IXP) existentes en España, Ternera Gallega é a de maior produción, co 54,8% do total, seguida de lonxe pola IXP Ternera Asturiana, que representa o 16,6% do conxunto nacional.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.