Galicia consolídase como unha das tres Comunidades Autónomas que máis contribúe á reciclaxe de medicamentos

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou, xunto co director xeral de SIGRE, Juan Carlos Mampaso, un balance das actividades desenvolvidas nos últimos anos para o fomento da reciclaxe de envases e restos de menciñas
Publicado por o día 31/10/2017 na sección de Medio Ambiente,Sanidad

Galicia consolídase como unha das tres Comunidades Autónomas que máis contribúe á reciclaxe de medicamentos

Galicia Galicia consolídase, xunto con Aragón e Navarra, como unha das tres Comunidades autónomas que máis contribúen á reciclaxe de envases e restos de medicamentos. Así o sinalou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, como unha das conclusións que se extraen do balance das actividades desenvolvidas nos últimos anos no marco do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a entidade creada pola industria farmacéutica de España (SIGRE) para a posta en marcha dun sistema de recollida selectiva en orixe deste tipo de residuos.

Durante a presentación deste balance, na que tamén participou o director xeral de SIGRE, Juan Carlos Mampaso, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Curz Ferreira, a representante do Goberno galego salientou que a colaboración cidadá coa valorización deste tipo de residuos creceu desde 2013 case un 5 por cento ata situarse a media por habitante en 15 puntos por riba da nacional, que está arredor dos 90 gramos por habitante ao ano. Así, cada galego depositou unha media de 105 gramos de envases e restos de medicamentos nos 1.334 puntos SIGRE instalados en farmacias para a recollida e posterior tratamento destes residuos.

De aí a importancia do convenio de colaboración con SIGRE, que o pasado mes de xuño revalidou a autorización emitida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a recollida e transporte dos residuos dos medicamentos e os seus envases. Un sistema, por certo, creado pola propia industria farmacéutica, que garante o control, a trazabilidade e, ademais, coida do medio ambiente e protexe a saúde pública.

Neste senso, cómpre destacar que a colaboración con SIGRE mantense vixente 15 anos despois da súa implantación en Galicia, froito do esforzo e a coordinación das autoridades medioambientais e sanitarias de Galicia e os propios xestores, que conseguiron crear e definir o funcionamento dun modelo de recollida selectiva que hoxe constitúe un referente internacional.

Economía Circular

Neste caso, sinalou a conselleira de Medio Ambiente, SIGRE conta, ademais, coa colaboración da cidadanía galega, o que significa que “Galicia está preparada para o reto que nos marca a Comisión europea para a implantación real e efectiva da Economía circular”. Un sistema baseado na premisa de converter os residuos en recursos e en cuxo desenvolvemento e aplicación xa está a traballar o Goberno galego. Será mediante a posta en marcha da tripla estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, Sustentabilidade ambiental e Economía circular.

Así, un pequeno xesto, como é depositar nos puntos SIGRE os restos de medicamentos e os seus envases, constitúe, dixo a conselleira, un gran paso para da sociedade galega cara a implantación dun modelo que pretende deixar atrás o sistema lineal de fabricar-usa-tirar e apostar por un consumo informado e responsable que contribúa á máxima optimización dos recursos.