A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe a presentación telemática aos representantes do sector do Atlas da frota de baixura do litoral de Galicia (2000-2018), un documento que, salientou, permite contar cunha foto fixa da realidade das distintas modalidades de pesca de artes menores de Galicia e das súas principais especies obxectivo. Esta ferramenta, engadiu, está a disposición do sector e contribuirá a adoptar as mellores decisións na xestión dos recursos así como a conseguir que a actividade se desenvolva de xeito sustentable e rendible.
Este estudo a fondo da frota de artes menores -que conta con preto de 4.000 embarcacións- é froito do traballo que desenvolve a Unidade Técnica da Pesca de Baixura (UTPB) desde 1999 mediante o embarque de observadores a bordo dos buques pesqueiros -que rexistran os resultados obtidos polos mariñeiros nas súas xornadas de faena- e a análise dunha media de 3.000 lances anuais, unha información que se suma aos datos de vendas nas lonxas ofrecidos pola Plataforma Tecnolóxica da Pesca. Por iso, o atlas ten o dobre obxectivo de dar conta da actividade da UTPB neses 18 anos e tamén ser unha ferramenta útil para a toma de decisións na xestión dos recursos.
Neste sentido, a titular de Mar incidiu en que Galicia aspira a alcanzar un modelo de pesca sostible co que garantir un futuro próspero ás comunidades costeiras e subliñou que este traballo é unha ferramenta máis na busca dese obxectivo. De feito, indicou, contribuirá a mellorar a eficiencia na protección dos hábitats e na conservación dos recursos así como a adoptar mellores medidas na explotación das especies acurtando así a distancia entre as estimacións científicas e as que fai o propio sector.
O Atlas da frota de baixura do litoral de Galicia (2000-2018) analiza en profundidade a actividade extractiva da frota de artes menores, as súas características e as vinte principais modalidades de pesca existentes -como os distintos tipos de nasas ou as artes de enmalle, entre outras- así como a súa evolución. A isto súmase a avaliación en detalle das principais especies obxectivo da frota de baixura -un total de 22 entre as que se atopan o polbo, a centola, a nécora, a sardiña, o xurelo, a pescada ou a vieira- a súa presenza nas distintas zonas do litoral de Galicia e a evolución das súas capturas.
Futuras actualizacións
Trátase dun traballo inxente, destacou Rosa Quintana, que non remata aí pois nos vindeiros anos o atlas actualizarase de xeito constante cos datos obtidos pola Unidade Técnica de Pesca de Baixura desde 2018 ata a actualidade e non incluídos nesta edición así como os que se acaden no futuro. “Temos que seguir traballando co obxectivo de asegurar a sustentabilidade e a rendibilidade da nosa pesca artesanal e este seguimento da actividade é fundamental”, salientou a representante do Executivo galego.
A titular de Mar agradeceu o gran labor realizado por todos os profesionais que participaron de xeito directo ou indirecto na elaboración deste documento e lembrou que traballos coma este contribúen a que na toma de decisións sobre as pesqueiras non se teñan en conta unicamente os aspectos medioambientais senón tamén os económicos e sociais, algo que a Xunta vén defendendo nos últimos anos diante das institucións europeas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.