Galicia contará con catro novos xulgados na Coruña, Ourense, Vigo e Ferrol

Por o 27/07/2017 | Sección: A Coruña,Ferrol,Galicia,Ourense,Vigo,Xunta de Galicia
Galicia contará con catro novos xulgados na Coruña, Ourense, Vigo e Ferrol

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde en Madrid na Conferencia Sectorial de Xustiza, onde o Ministerio de Xustiza confirmou a creación de catro novos xulgados en Galicia nas cidades da Coruña, Ourense, Vigo e Ferrol. A previsión é que estas novas unidades xudiciais poidan estar funcionando antes do 1 de xaneiro de 2018.

A Xunta valorou positivamente que se veña de confirmar a creación destes novos xulgados, algo que non se facía desde 2010. Ademais, agradeceu que o Ministerio respectase a proposta galega para a localización destas sedes, que foi elaborada en coordinación entre o Goberno autonómico e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Tras a reunión, presidida polo ministro de Xustiza, Rafael Catalá, o Goberno galego mostrou a súa disposición para axilizar ao máximo posible os prazos para a posta en marcha destes xulgados, tras a publicación -previsiblemente en setembro- do Real Decreto que estableza a súa creación.

Por último, a Xunta tamén apelou á necesidade de que a creación de xulgados continúe en 2018 para seguir mellorando o servizo á cidadanía, especialmente naqueles lugares con máis carga de traballo.

No encontro abordáronse, ademais, outras cuestións relevantes como o reparto do fondo de 6 millóns de euros para mellorar os recursos e medios materiais da Administración de Xustiza nas comunidades autónomas con competencias na materia. Deste total, Galicia recibirá uns 440.000 euros, o que a converte na cuarta comunidade autónoma que máis fondos recibe.

Outro dos temas que se abordou no seo da Conferencia Sectorial foi a necesidade de avanzar cara un sistema procesal común en toda España. Neste sentido, Galicia defendeu a importancia de sentar as bases da coordinación e superar a situación actual, con nove sistemas con difícil compatibilidade.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.