Galicia contará cun equipo con máis de 200 profesionais de enfermería para coordinar a vacinación da covid, que na primeira fase inmunizará a máis de 40.000 persoas de colectivos prioritarios

“Arredor de 22.000 usuarios das residencias de maiores e de atención a grandes dependentes, uns 17.000 traballadores destes centros sociosanitarios e uns 3.000 traballadores sanitarios que están en primeira liña”, avanza o vicepresidente primeiro
Publicado por o día 17/12/2020 na sección de Coronavirus,Salud,Sanidad,Xunta de Galicia

Galicia contará cun equipo con máis de 200 profesionais de enfermería para coordinar a vacinación da covid, que na primeira fase inmunizará a máis de 40.000 persoas de colectivos prioritarios

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que Galicia contará cun equipo con máis de 200 profesionais de enfermería para coordinar a campaña de vacinación da covid. Se ben a Comunidade está á espera de coñecer con exactitude cando se poderá iniciar a campaña, Rueda afirmou que Galicia vai estar preparada para comezar coa vacinación de inmediato.

Contamos con recibir as primeiras doses despois da aprobación por parte da Axencia Europea do Medicamento, dixo, lembrando que a primeira das vacinas que chegarán será a de Pfizer/BioNTech, avaliada con ensaios clínicos realizados en seis países, nos que participaron arredor de 44.000 persoas, e que conta cunha eficacia estimada para previr a enfermidade dun 95%.

O obxectivo da Xunta, segundo explicou o vicepresidente primeiro, será o de vacinar nun primeiro estadio a máis de 40.000 cidadáns, ao ser necesarias dúas doses para que a vacina sexa efectiva. “Sen dúbida, son menos das que quixéramos e agardamos que inmediatamente nos sexan subministradas desde o Goberno máis doses para seguir coa vacinación de acordo co plan aprobado”, aseverou, precisando que a campaña comezará polos colectivos considerados prioritarios, como se reflicte no plan referendado onte polo subcomité clínico.

“Arredor de 22.000 usuarios das residencias de maiores e de atención a grandes dependentes; uns 17.000 traballadores destes centros sociosanitarios; e uns 3.000 traballadores sanitarios que están en primeira liña”, avanzou, confirmando que ao longo dos vindeiros días, a Consellería de Sanidade dará máis detalles sobre o plan.

Rueda asegurou que Galicia contará cun operativo loxístico para garantir as condicións adecuadas de almacenamento, transporte, temperatura, trazabilidade e seguridade das vacinas covid. Ademais de contar cunha serie de puntos de vacinación e cunha rede segura de transporte monitorizada, con seguimento constante de temperatura e localización.

No tocante ao equipo formado por eses 207 profesionais de enfermería dedicados exclusivamente á vacinación, subliñou que a adscrición a este equipo será voluntaria. E os profesionais procederán do persoal de enfermería con experiencia acreditada en vacinación que, ademais, recibirán unha formación específica para chegar a ser persoal experto na vacina covid.

Por último, cómpre salientar que baixo a coordinación deste equipo estarán: máis de 2.000 efectivos de enfermería de atención primaria, que vacinarán da covid aos pacientes das súas cotas; e preto de 40 efectivos máis dos servizos de enfermería preventiva e unidades de prevención de riscos laborais, que se encargarán da vacinación do persoal de centros hospitalarios.

En definitiva, concluíu, ter todo listo para, en canto se autorice a vacina e dispoñamos dela, comezar a vacinar “sen perder un minuto”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.