Galicia contará cun Plan de voluntariado centrado no Xacobeo 2021

Feijóo resalta que a Comunidade conta con 1.053 entidades de acción voluntaria rexistradas e 44.658 voluntarios que participan nas súas actividades
Publicado por o día 10/12/2020 na sección de Turismo,Xunta de Galicia

Galicia contará cun Plan de voluntariado centrado no Xacobeo 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello que Galicia contará cun Plan de voluntariado centrado no Xacobeo 2021.

Feijóo avanzou que esta iniciativa contará con oito obxectivos: fomentar a relación interxeracional entre voluntarios novos e maiores; apoiar na información aos peregrinos; difundir o patrimonio cultural galego entre os visitantes; reforzar o coidado medioambiental nas rutas; xerar espazos de intercambio cultural entre os mozos de distintos lugares de Europa; impulsar a formación para as persoas voluntarias; aproveitar o Xacobeo 2021 como expositor do valor da acción voluntaria e consolidar Galicia como a comunidade máis solidaria de España.

Sobre este último punto, resaltou que, na actualidade, Galicia conta con 1.053 entidades de acción voluntaria rexistradas e 44.658 voluntarios que participan nas súas actividades.

Entre as medidas, o titular da Xunta referiuse ao programa de voluntariado sénior, que procura que os maiores de 55 anos participen activamente na acción voluntaria e ao programa de voluntariado xuvenil, destinado a mozos de entre 16 e 30 anos. Tamén a potenciación do voluntariado educativo, a continuación do Programa voluntariado no Camiño, a organización de campos de voluntariado vinculados ao Camiño de Santiago ou ao proxecto de voluntariado europeo dentro do Xacobeo 2021 chamado Xacobeando.

Comentar noticia

Your email address will not be published.