Galicia dá cobertura ás familias de mariñeiros falecidos en accidente laboral para afrontar os gastos máis inmediatos

A Consellería do Mar abre unha nova convocatoria de achegas para cubrir as necesidades dos familiares nos primeiros momentos tralo falecemento e mentres se realizan os trámites cos seguros

Galicia volverá dar cobertura este ano ás familias dos profesionais do mar falecidos durante o exercicio da súa actividade ao habilitar axudas coas que cubrir as necesidades máis inmediatas dos familiares nos primeiros momentos tralo falecemento e mentres se realizan os trámites correspondentes cos seguros.

As achegas, recollidas na orde da Consellería do Mar que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, pretenden facer fronte ás consecuencias duns accidentes que adoitan traer consigo situacións de desamparo económico temporal e puntual das familias dos tripulantes falecidos ou desaparecidos pois a perda da persoa soe ir aparellada á falla de ingresos económicos xerados pola actividade cesante. Para mitigar esa situación, a orde establece axudas de 3.000 euros para a viúva ou parella de feito da persoa falecida e de 1.000 euros para cada un dos seus fillos menores de 21 anos ao tempo que dá a consideración de falecidas a aquelas persoas que sigan desaparecidas transcorridos 10 días desde a data na que se produciu o sinistro.

A orde, que entra en vigor mañá, inclúe como profesionais do mar os tripulantes galegos de calquera tipo de embarcación pesqueira debidamente enrolados nela e calquera que sexa o seu pavillón, os tripulantes non galegos que coticen no Réxime Especial do Mar da Seguridade Social nun buque pesqueiro con porto base en Galicia, os mariscadores e os traballadores de viveiros flotantes radicados en augas da comunidade autónoma.

As persoas que poidan necesitar estas axudas teñen toda a documentación necesaria na orde que publica o DOG. A presentación das solicitudes de achegas, para as que hai un orzamento de 50.000 euros, realizarase por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal ou de xeito presencial nos lugares e rexistros establecidos a tal efecto.

Para esta convocatoria o prazo de presentación das solicitudes comeza mañá e remata o 15 de decembro de 2020 e refírese a falecementos ocorridos desde o 1 de decembro de 2019 ata o 30 de novembro de 2020 pois as axudas a percibir con motivo de falecementos a partir do 1 de decembro de 2020 tramitaranse ao abeiro da orde de axudas do ano 2021. Esta é a segunda convocatoria de achegas deste tipo que realiza a Consellería do Mar trala de 2019 para os falecementos producidos entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro dese ano.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM