Galicia defende un acordo do brexit a longo prazo e que aposte pola sustentabilidade da súa pesca

Rosa Quintana sinalou que o obxectivo da comunidade galega é facer ver ao negociador da Comisión Europea o verdadeiro valor da pesca galega e manter unha actitude proactiva co Reino Unido
Publicado por o día 26/02/2018 na sección de Mar

Galicia defende un acordo do brexit a longo prazo e que aposte pola sustentabilidade da súa pesca

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe en Santiago que Galicia busca un acordo do brexit a longo prazo que “estea ligado ao acceso mutuo ao recurso, ás zonas pesqueiras e ao mercado; que permita preservar e mellorar a distribución actual dos TACs e cotas de pesca e que proporcione un marco de xestión que garanta a sustentabilidade das nosas poboacións”.

Así o sinalou durante a inauguración da xornada A pesca como prioridade da Unión Europea nas negociacións do brexit, unha iniciativa conxunta do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, da Consellería do Mar e da European Fisheries Alliance na que estivo acompañada polo secretario xeral de Pesca do MAPAMA, Alberto López-Asenjo. Alí a conselleira fixo fincapé en que o obxectivo da comunidade galega é “facer ver ao negociador da Comisión Europea o verdadeiro valor da pesca galega e manter unha actitude proactiva co Reino Unido, facilitándolles todo o que necesiten para que a pesca non sexa utilizada como moeda de cambio nas negociacións”.

Nesta defensa, expuxo Rosa Quintana, Galicia está traballando e converteuse na primeira rexión europea en trazar unha folla de ruta. Neste sentido, a titular de Mar lembrou que a Xunta encargou dous informes para avaliar as consecuencias sociais e económicas do Brexit para a pesca galega. Dous estudos, subliñou, que serviron de guía e que nos permitiron aproveitar o coñecemento de dous expertos europeístas galegos como o director do Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña, José Manuel Sobrino, e da experta en Economía Pesqueira da USC, María do Carme García Negro.

Ademais a conselleira sinalou que o compromiso da Xunta é “seguir traballando con espírito colaborador”. Así, engadiu, “colaboraremos con outras rexións e continuaremos buscando aliados noutros estados membros na defensa de intereses comúns, como foron as sinaturas das declaracións de Santiago e de Cardiff ou este encontro”.

En relación á declaración de Santiago, Rosa Quintana lembrou que se realizou no mes de outubro do ano pasado no marco dun encontro no que participaron representantes do sector pesqueiro galego e representantes políticos de Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Irlanda, Países Baixos, Polonia, Suecia e España. Unha xuntanza, destacou, “para avogar ante a Unión Europea por un posicionamento que minimice as posibles consecuencias negativas do brexit nos nosos sectores pesqueiros”. Esta declaración conxunta, engadiu, foi rubricada por máis de 60 comunidades costeiras e defende “unha postura común durante as negociacións do brexit para que a pesca teña un papel prioritario”. Ademais, sinalou Rosa Quintana, “converteuse na antesala perfecta á Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas que se celebrou en Cardiff e que tivo na figura do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao máximo valedor e primeiro aliado da nosa frota neste proceso.

A conselleira aproveitou tamén a ocasión para agradecer ao MAPAMA e á European Fisheries Alliance “a súa xenerosidade con Galicia por facela parte importante desta cita co futuro de Europa e por ternos escollido como punto de encontro”. Tamén tivo palabras de agradecemento para todos os representantes de toda a comunidade pesqueira, profesional, política e empresarial, nacional e internacional.