Galicia defende ante o Goberno central o seu acordo coas demais comunidades cantábricas a prol dunha futura PAC equilibrada e xusta a nivel nacional

Na reunión, o ministro Planas valorou positivamente esta proposta, polo seu “carácter construtivo”
Publicado por o día 20/01/2021 na sección de Agricultura e Gandería,España,Xunta de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, José González, defendeu hoxe, no seo do Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios -no que participou por videoconferencia-, a postura de Galicia -compartida polo resto de comunidades autónomas da Cornixa Cantábrica- cara o desenvolvemento da futura PAC 2023-2027. Así, González lembrou que onte mesmo Asturias, Cantabria e País Vasco, xunto con Galicia, asinaron un documento conxunto que enviaron ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación no que esixen ao Goberno Central que contemple as particularidades dos seus territorios e explotacións na execución destas políticas comunitarias dentro de España. Na reunión, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, valorou positivamente esta proposta, polo seu “carácter construtivo”.

O conselleiro de Medio Rural reiterou neste encontro de traballo que as explotacións da Cornixa Cantábrica se definen polo seu tamaño pequeno ou mediando, así como polo seu carácter profesional, pero fundamentalmente familiar. Tamén, por unha orientación produtiva marcadamente gandeira, cara sectores coma o lácteo ou o cárnico, polo que cómpre -dixo- que o Plan Estratéxico nacional da futura PAC apoie e recoñeza ese modelo de explotación familiar agraria sustentable.

Neste sentido, en relación cos pagos directos, José González instou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a corrixir o desequilibrio que supón para as comunidades do Cantábrico ter unha porcentaxe de superficie con dereitos de pago da PAC moi inferior á media española. Cómpre, engadiu, tomar esta medida como paso previo a unha eventual transición cara un sistema de pago por superficie, para non prexudicar máis aos territorios do norte de España.

Na mesma liña, Galicia -e as demais comunidades cantábricas- rexeitan que se propoña a incorporación das superficies de viñedo, froitas e hortalizas -ata agora excluídas e nas que a zona mediterránea resulta claramente beneficiada-, e ao mesmo tempo se dificulte a entrada de superficies doutros usos ou sistemas produtivos (como os pastos arbustivos). En parecidos termos, sobre estas axudas directas ás rendas, as catro autonomías demandan unha especial atención ás diferentes realidades existentes dentro do Estado no plano agronómico e socioeconómico, tanto no que atinxe ás dimensións económicas das explotacións como ás diversas orientacións produtivas de cada territorio.

En relación coas axudas acopladas (asociadas aos diferentes sectores), estas comunidades consideran prioritario que se manteñan para os de vacún de leite, de carne e de ovino-caprino cunha dotación cando menos semellante ao período 2014-2020 da PAC. Con respecto ao capping (límite de axudas), deféndese mantelo nos 60.000 euros por explotación, co fin de favorecer ás pequenas e medianas granxas propias do norte peninsular, e vese con preocupación que estes mecanismos pasen a ser voluntarios para os países e non de obrigado cumprimento.

Sobre a definición de agricultor xenuíno, deféndese o establecemento dunha porcentaxe mínima, que se propón do 30%, dos ingresos agrarios sobre os totais, agás para os afiliados á Seguridade Social como traballadores por conta propia no sector agrario, para non prexudicar os pequenos agricultores da Cornixa Cantábrica.

Con respecto ao pago redistributivo, as catro comunidades non comparten que a súa aplicación deixe de ser obrigatoria para facerse voluntaria e reclaman ao tempo un orzamento “ambicioso”, cun maior pago ás primeiras hectáreas. Esta medida tería como finalidade beneficiar ás pequenas explotacións e a aquelas cunha dependencia significativa dos ingresos agrarios, sempre dando prioridade aos agricultores profesionais.

Atención á España húmida

Sobre a nova liña de axudas comunitarias que priman a sustentabilidade ambiental (coñecidas como “ecoesquemas”), os territorios do Cantábrico apoian que se destine a estas achegas o 20% do montante dispoñible para pagos directos. Pero, ao tempo, lamentan que os ecoesquemas propostos polo MAPA aborden problemáticas e realidades produtivas características, principalmente, do centro e sur peninsulares, quedando a España húmida moito máis desatendida. Reclaman, por iso, entre outras cuestións, a modificación das propostas do Ministerio e a introdución doutros ecoesquemas adicionais, para atender a súa realidade. A maiores, defenden contemplar, de modo transversal, melloras como un complemento vinculado á prevención de incendios.

Por último, en relación co segundo piar da PAC, o do desenvolvemento rural, a aposta das comunidades cantábricas céntrase nun reparto equilibrado dos fondos entre os territorios, “dando voz” de xeito efectivo ás distintas autonomías á hora de definir as prioridades de actuación, en función da realidade e necesidades específicas do seu medio rural.

Comentar noticia

Your email address will not be published.