Galicia deseña xa a loxística para vacinar contra a covid-19 ao resto do persoal sanitario, a máis persoal sociosanitario, aos grandes dependentes e para administrar a segunda dose nas residencias

Feijóo explica que a partir do 10 ou 12 de febreiro vacinarase aos profesionais sanitarios que non están na primeira liña e ao persoal dos centros de día e do SAF, mentres a fase dos grandes dependentes comezará a partir de marzo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que Galicia está a deseñar xa a loxística para vacinar contra a covid-19 ao resto do persoal sanitario, ao persoal sociosanitario dos centros de día e do SAF, así como aos grandes dependentes, ademais de para administrar a segunda dose nas residencias.

Tras a reunión do Consello da Xunta, Feijóo precisou que xa se administrou a vacina no 94% das residencias de maiores de Galicia —521 das 556 que hai en total— e subliñou que a Comunidade administrou ata onte un total de 33.351 vacinas entre os usuarios e o persoal destes centros.

Así mesmo, confirmou que practicamente de inmediato, unha vez se cumpran os 21 días previstos entre dose e dose, comezarase coa segunda rolda de vacinación, coa previsión de administrar o vindeiro domingo día 17 a segunda dose na residencia Porta do Camiño de Santiago de Compostela, a mesma na que si iniciou o plan o 27 de decembro. Empezarase ás 08,00 horas coa mesma persoa coa que se iniciou a administración da primeira dose.

O obxectivo, segundo adiantou Feijóo, é completar “en tres semanas, entre finais deste mes e os primeiros días de febreiro”, a vacinación de todas as residencias, exceptuando aquelas nas que está a haber gromos.

Feijóo salientou que está preparado un equipo formado por 2.200 profesionais, dos que polo momento están a vacinar 200 ao non haber doses suficientes, “un dispositivo que está moi lonxe de acadar as posibilidades máximas de dispensación”, dixo. “Agora imos recibir 1.800 doses de Moderna, que se suman ás 18.000 que recibimos cada luns de Pfizer e polo tanto estaremos nunhas 20.000 á semana”, abundou.

A continuación, o presidente do Goberno galego salientou que onte comezou con normalidade a vacinación do segundo grupo prioritario, o persoal sanitario, con algo máis de 6.000 profesionais vacinados. “E hoxe o obxectivo é chegar a outras 7.500, co fin de chegar aos 20.000 esta semana”, avanzou, precisando que se trata de persoal de urxencias, críticos, oncohematoloxía, HADO, unidades covid, diálise, microbioloxía e 061, entre outros.

“Facémolo cun criterio: o 30% do persoal destas áreas e por rigoroso orde alfabético. Pode ser discutible, pero é un criterio obxectivo”, incidiu o presidente da Xunta, engadindo que tamén se está vacinando aos profesionais de Atención Primaria.

Por último, sinalou que as Consellerías de Sanidade e Política Social xa están a estudar os protocolos das seguintes fases da vacinación. “Os profesionais sanitarios dos servizos que non están na primeira liña e o persoal sociosanitario dos centros de día e do Servizo de Atención ao Fogar (SAF) serán a seguinte liña de actuación”, explicou, detallando que esta fase realizarase a partir do 10 ou 12 de febreiro, mentres a seguinte, a dos grandes dependentes, será a partir de principios do mes de marzo.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM