Galicia despide un verán cálido e no que se rexistraron precipitacións dentro da normalidade para esta época do ano

O avance do informe climatolóxico de MeteoGalicia indica que o período climatolóxico comprendido entre os meses de xuño e agosto rexistrou unha temperatura media 0,55 graos por riba do habitual
Publicado por o día 08/09/2020 na sección de Galicia

Galicia despide un verán cálido e no que se rexistraron precipitacións dentro da normalidade para esta época do ano

O verán climatolóxico galego, que abrangue os meses de xuño, xullo e agosto, foi este ano cálido e con precipitacións que se situaron dentro do normal en comparación co período de referencia 1981-2010. Así, a temperatura media en Galicia situouse en 19,7 graos, 0,55 graos por riba do esperado neste período, mentres que os datos de chuvia rexistrados nas estacións máis representativas da comunidade quedáronse en valores similares aos da serie histórica.

O avance do informe climatolóxico do verán elaborado por MeteoGalicia atribúe este balance a un mes de xullo extremadamente cálido, con temperaturas en xeral máis altas do habitual e especialmente no que respecta ás máximas. Estes valores tan extremos tiveron unha influencia moi significativa á hora de caracterizar o conxunto do verán como cálido, xa que cómpre lembrar que xuño foi un mes frío e agosto moveuse dentro da normalidade.

De feito, se se comparan as temperaturas deste xullo coas do período histórico que se usa como referencia, a anomalía media rexistrada nos termómetros este ano foi a segunda máis alta, tan só superada pola do ano 2013, uns datos que serviron para compensar sobre todo as baixas temperaturas rexistradas durante gran parte do mes de xuño.

En todo caso e malia que en xeral foi un verán caloroso, houbo bastante variabilidade térmica entre as diferentes partes do territorio. Así, tratouse dun período especialmente cálido nas comarcas de Vigo (Pontevedra), O Carballiño e Verín (Ourense), así como noutras zonas do norte da comunidade.

Pola contra, rexistráronse anomalías negativas nas temperaturas principalmente nas chairas e nas fosas occidentais, destacando o caso da comarca coruñesa de Muros, con valores medios 0,67 graos por debaixo do agardado e na que este verán debe considerarse frío.

Precipitacións dentro da normalidade

Polo que respecta ás precipitacións, a tónica xeral foi de normalidade. A chuvia media recollida nas 16 estacións máis representativas de Galicia foi de 121 L/m2, un balance apenas un 3% inferior ao valor climático de referencia e moi similar ao do verán anterior, polo que o período considérase normal.

Sen embargo, do informe tamén se desprenden diferencias notables desde o punto de vista das precipitacións entre uns meses e outros. Deste xeito, xullo resultou extremadamente seco mentres que, polo contrario, agosto foi moi húmido e xuño presentou un comportamento dentro do normal.

En canto ao reparto xeográfico das chuvias, cómpre subliñar que os valores máis altos concentráronse nas comarcas coruñesas do Xallas e do Sar e na lucense dos Ancares, onde se chegaron a acadar os 387 L/m2 de precipitación acumulada total. No extremo contrario, a provincia de Ourense en xeral foi a zona da comunidade que viviu un verán máis seco, destacando especialmente os casos da Limia e Terra de Celanova.

Comentar noticia

Your email address will not be published.