Galicia dispón de 45 equipos HADO e 401 unidades de atención primaria para atender aos pacientes con necesidades paliativas

O conselleiro de Sanidade subliña que o Sergas segue a traballar a favor da atención paliativa mediante o desenvolvemento do Plan Galego de Coidados Paliativos
Publicado por o día 30/04/2019 na sección de Sanidad

Galicia dispón de 45 equipos HADO e 401 unidades de atención primaria para atender aos pacientes con necesidades paliativas

Galicia conta na actualidade con 45 unidades de Hospitalización a domicilio (HADO) e 401 unidades de atención primaria, agrupadas en 146 servizos, para atender aos pacientes que precisen coidados paliativos. Así o afirmou hoxe o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, en sede parlamentaria, onde ratificou o compromiso do seu departamento para cos Coidados Paliativos. E, nesta liña, afirmou que o Sergas segue a traballar a favor da atención paliativa integral dos galegos e das galegas que o necesiten, mediante o desenvolvemento do Plan Galego de Coidados Paliativos.

Ademais destas dotacións, os hospitais do Sergas están a adaptar as súas unidades de coidados paliativos ao recollido na Lei de dereitos e garantías das persoas enfermas. Neste senso, a comunidade galega conta a día de hoxe con 7 unidades de Coidados Paliativos nos grandes hospitais, ademais dunha unidade de 4 camas no Hospital do Salnés, integrada na Unidade de Hospitalización.

No resto dos centros hospitalarios da rede sanitaria pública galega, e segundo explicou o titular de Sanidade, os pacientes con necesidades paliativas son ingresados en unidades de hospitalización convencional con seguimento por profesionais en coidados paliativos. Almuiña tamén afirmou que das 100 habitacións destinadas a coidados paliativos, 88 son individuais.

Asemade, durante estes anos creáronse máis unidades de HADO, o que permite ofrecer unha atención de calidade en hospitalización a domicilio. Na actualidade, a cobertura de HADO para a poboación galega é dun 70% e Galicia dispón de unidade de hospitalización a domicilio en cada un dos 14 hospitais da rede sanitaria pública.

Almuiña subliñou que nos últimos cinco anos, o número de ingresos HADO aumentaron nun 28% e que o Sergas rexistrou neste servizo en 2018, 6.128 ingresos e 57.227 visitas.

O conselleiro de Sanidade remarcou que a atención paliativa é competencia de toda a rede sanitaria (atención primaria, atención hospitalaria, unidades de coidados paliativos e de hospitalización a domicilio, e non só dos dispositivos específicos de coidados paliativos.

Durante a súa intervención, Almuiña recalcou que actualmente todos os pacientes que precisen de coidados paliativos son atendidos en función das súas necesidades e teñen tamén cubertas as necesidades de tipo farmacolóxico. E afirmou que a atención a estes doentes require de profesionais con formación específica para o manexo integral de pacientes con enfermidades en situación activa, avanzada, progresiva e grave.

Neste senso, cómpre lembrar que o Sergas realizou nos últimos anos numerosas actividades formativas para capacitar aos profesionais na atención a estes pacientes, tanto na identificación como no control de síntomas e comunicación.

O departamento sanitario tamén adaptou a composición da Comisión Galega de Coidados Paliativos, procurando que na mesma estivesen representados e implicados todos os axentes sanitarios e sociosanitarios que teñen relación, non só cos doentes terminais e as súas familias, senón tamén coas persoas con enfermidade avanzada e complexa.