Galicia dispón de 96,2 M€ adicionais para o desenvolvemento de proxectos de aforro e eficiencia enerxética e mobilidade sustentable

A Xunta informa destas axudas dirixidas a concellos, deputacións provincias, comarcas ou entidades que agrupen varios municipios, mancomunidades e áreas metropolitanas
Por o 13/05/2019 | Sección: Hogar,Xunta de Galicia
Galicia dispón de 96,2 M€ adicionais para o desenvolvemento de proxectos de aforro e eficiencia enerxética e mobilidade sustentable

Galicia dispón de 96,2 millóns de euros adicionais para o desenvolvemento de proxectos de aforro e eficiencia enerxética, mobilidade sustentable e uso das enerxías renovables. Trátase de axudas comunitarias destinadas a entidades locais e que teñen como principal obxectivo incentivar e promover a realización de actuacións que reduzan as emisións de dióxido de carbono mediante a execución de proxectos singulares.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), informa destas axudas que se distribúen dentro dun reparto de crédito dispoñible a nivel do Estado e que son xestionadas polo IDAE a través do programa de Desenvolvemento Urbano Sostible (DUS). Con esta ampliación de crédito, Galicia conta cunha financiación total de 154,5 millóns de euros.

Os posibles beneficiarios desta orde de axudas son os concellos, deputacións provincias, comarcas ou entidades que agrupen varios municipios, mancomunidades de concellos e áreas metropolitanas. A principal novidade desta convocatoria por 96,2 millóns é que se amplía o eido de actuación, xa que se elimina a condición que existía ata agora pola que só podían optar a estas axudas os concellos de menos de 20.000 habitantes. Para facilitar a execución dos proxectos, amplíase o prazo de vixencia da convocatoria ata o 31 de decembro do próximo ano, mentres que os proxectos –cunha intensidade de axuda do 80% e un investimento mínimo que supere os 50.000 euros– deberán estar finalizados antes do 30 de setembro de 2023.

Os proxectos subvencionables por estas axudas poden ser os seguintes: en edificios e dependencias xa existentes, obras relacionadas coa rehabilitación enerxética da envolvente térmica e mellora da eficiencia enerxética das instalacións eléctricas, térmicas ou de iluminación interior; mellora da eficiencia enerxética mediante a utilización de tic nas cidades (smart cities); renovación de equipos de iluminación e sinalización exterior; mellora da eficiencia enerxética das instalacións de potabilización, depuración de augas residuais e desalación; implantación de plans de mobilidade urbana sustentable; instalacións solares térmicas destinadas a aplicacións de calor e frío; equipos de aproveitamento da enerxía xeotérmica para aplicacións térmicas; instalacións para uso térmico da biomasa; redes de distribución de fluídos térmicos; así como para outro tipo de instalacións, como é a transformación e/ou uso térmico ou autoconsumo de biogás, para o uso térmico de combustibles derivados de residuos (CDR) e de combustibles sólidos recuperados (CSR), para instalacións solares fotovoltaicas destinadas á xeración eléctrica para autoconsumo, para equipamentos eólicos de pequena potencia dirixidos ao autoconsumo de enerxía eléctrica, ou para aproveitamento da enerxía aerotérmica ou hidrotérmica mediante bombas de calor.

Proxectos de enerxías renovables térmicas

A Xunta tamén mantén aberto ata o 27 de maio o prazo para presentarse ás axudas para desenvolver proxectos de enerxías renovables térmicas, das que se poderán beneficiar as administracións locais, entidades sen ánimo de lucro, empresas e autónomos. Cun orzamento de 2,28M€, a previsión é que estes apoios mobilicen ao redor de 5M€ no sector.

En concreto, apoiaranse iniciativas de equipamentos que empreguen biomasa como combustible e outras instalacións de enerxías renovables que empreguen como fonte enerxética a xeotermia, aerotermia ou solar térmica. Os apoios poderán alcanzar unha intensidade máxima do 80% no caso das entidades locais e sen ánimo de lucro; do 70% para as pequenas empresas; do 60% para as medianas e do 50% no caso das grandes compañías.

Estas axudas forman parte do compromiso da Xunta por achegar a cidadáns, empresas e administracións a cultura da eficiencia e do aforro enerxético e súmanse a outras que xa se convocaron este mesmo ano, como os apoios para a instalación de caldeiras de biomasa para familias e comunidades de propietarios en zonas non densamente poboadas; o programa destinado a empresas e autónomos do sector servizos e industria para a realización de auditorías enerxéticas e implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia; a liña para impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética no sector agrícola primario; ou a orde de renovables térmicas para particulares e máis a de autoconsumo, tamén para cidadáns e comunidades de veciños.

Comentar noticia

Your email address will not be published.