Galicia é a segunda comunidade na que máis baixa o desemprego no último ano e volve superar o millón de afiliados

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado que confirman que a estabilidade en Galicia permite que o paro se sitúe a niveis inferiores aos de hai nove anos
Por o 04/09/2018 | Sección: Emprego,Xunta de Galicia
Galicia é a segunda comunidade na que máis baixa o desemprego no último ano e volve superar o millón de afiliados

Galicia é a segunda Comunidade na que máis baixa o desemprego no último ano e volve superar o millón de afiliacións por terceiro mes consecutivo. Así o destacou hoxe a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, que asegurou que estes datos confirman que a estabilidade en Galicia permite que o paro -con 164.424 persoas sen emprego- se sitúe en niveis inferiores aos de hai 9 anos.

Na evolución anual, o desemprego baixou nun 9,22% polo que Galicia conta con 16.701 desempregados menos que en agosto de 2017. O ritmo de descenso supera en máis de tres puntos ao do conxunto do Estado, onde baixou nun 5,92%. En canto ás afiliacións subiron nun 2,15%, o que supón 21.497 afiliados máis á Seguridade Social, superando por terceiro mes consecutivo a barreira do millón de afiliacións e sendo maior o incremento nestas que a redución de parados.

Con respecto á contratación, apuntou que a indefinida subiu un 58,23% (case 25 puntos máis que no resto de España) superando en máis de 57 puntos o ritmo de subida da temporal, mentres que tamén se incrementan as contratacións a tempo completo un 6,49%. Neste sentido, a secretaria xeral de Emprego asegurou que estes datos confirman que Galicia consolida o proceso de estabilización do emprego.

O paro baixou tamén nas principais variables: nas catro provincias e sete grandes cidades; en todos os sectores de actividade; nos menores de 30 anos (-10,46%); nas mulleres (-7,16%); e nos parados de longa duración (-9,02%). Sobre estes últimos, Toca subliñou que case a metade das persoas que saíron do paro nos últimos 12 meses pertencían a este colectivo. Con respecto ás provincias, lidera a caída a de Lugo (-11,56%); seguida de Pontevedra (-9,63%); A Coruña (-8,50%); e Ourense (-8,26%). Por sectores de actividade, o maior descenso ten lugar na construción (-20,62%); seguido da industria (-10,42%); e da agricultura e pesca (-9,04%).

Con respecto á evolución mensual, o desemprego sobe en Galicia, como no conxunto de todas as comunidades autónomas, pero esta suba do 0,62% é menor que na media de España onde se rexistra un incremento do 1,50% e sitúa a Galicia como a cuarta rexión na que menos sobe. Aínda así, é a menor cifra de desempregados nun mes de agosto desde hai dez anos.

Compromiso coa formación

Tras avaliar os datos, a secretaria xeral de Emprego sinalou que as políticas activas de emprego que a Administración autonómica executa, a través da Axenda 20, están mellorando o mercado laboral de Galicia. Segundo explicou, o grado de cumprimento destas políticas está permitindo que Galicia poida contar cada vez con máis recursos para poñer en marcha máis programas para incrementar as oportunidades laborais dos galegos.

Así lembrou a nova convocatoria de obradoiros duais de emprego, que permiten combinar formación e aprendizaxe, cun contrato laboral nunha empresa da zona vinculada á mesma actividade que o obradoiro, unha oportunidade para dar un impulso á inserción laboral dos veciños dos concellos nos que se desenvolve esta actividade.

Estes obradoiros unidos aos destinados a menores de 30 anos, suman unha oferta, para o período 2018-2019, de 105 iniciativas das que poderán beneficiarse preto de 2000 persoas grazas a un investimento de 26 millóns de euros.

Toca incidiu na importancia da cualificación como clave para mellorar o acceso ao mercado laboral e a necesidade de que esta formación dea resposta ás demandas reais tanto das empresas como dos concellos nos que se desenvolvan as accións.

Comentar noticia

Your email address will not be published.