Galicia é unha das primeiras comunidades de España no sector vacún de carne por volume de produción e número de cabezas

Así o destacou a conselleira do Medio Rural na presentación do proxecto da Asociación de Agricultores e Gandeiros de Galicia (Agrigga) para a mellora da produción cárnica de tenreiros, que tivo lugar no Centro Tecnolóxico da Carne
Publicado por o día 10/03/2017 na sección de Empresas,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Galicia é unha das primeiras comunidades de España no sector vacún de carne por volume de produción e número de cabezas

Ángeles Vázquez salientou tamén o esforzo da Xunta e o sector en innovación, transformación e comercialización destes produtos e lembrou que 25 empresas galegas solicitaron no 2017 axudas para investir 19 millóns de euros neste eido.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, participou este mediodía na presentación do proxecto da Asociación de Agricultores e Gandeiros de Galicia (Agrigga) para a mellora da produción de carne de tenreiros. Nesta iniciativa innovadora participa tamén o Centro Tecnolóxico da Carne, que depende da consellería e que acolleu o acto.


Na súa intervención, a titular de Medio Rural destacou a importancia do vacún de carne en Galicia, xa que a nosa comunidade ocupa –cun 15% do total– o terceiro lugar de España en produción, sendo só superada por Cataluña e Castela e León. Ademais –destacou Ángeles Vázquez–, Galicia é a segunda autonomía en número de cabezas de gando, cun 16% do total, despois de Castela e León.

Neste mesmo sentido, a conselleira salientou tamén que o 19% das solicitudes que se aprobaron en 2016 de gandeiros galegos que quixeron investir na mellora das súas explotacións corresponden ao ámbito do vacún de carne. Tamén, o 20% das peticións aprobadas de incorporación de mozos ao rural foron deste tipo de explotacións, sendo esta orientación produtiva a que máis interese xerou despois do lácteo. E xa neste 2017 –destacou Ángeles Vázquez– un total de 25 empresas solicitaron en Galicia axudas da Xunta para transformación e comercialización de produtos cárnicos, para investir preto de 19 millóns de euros.

Proxecto innovador
Segundo a conselleira, todos estes datos avalan proxectos como os de Agrigga, que xuntan a produtores, industria, entidades financeiras, investigadores e administración pública arredor dun proxecto innovador que pretende maximizar a rendibilidade das explotacións de carne de tenreira. Así, esta iniciativa ten como obxectivo fundamental crear e desenvolver unha serie de métodos para mellorar estas producións e, por extensión, a competitividade das granxas asociadas, ao tempo que se busca facelas máis sustentables desde o punto de vista medioambiental.

Para iso, búscase implantar sistemas de explotación, protocolos de plans sanitarios e métodos de transporte e sacrificio no matadoiro, así como de maduración e envasado, que permitan ofrecer un produto óptimo aos consumidores, procurando ademais o cálculo da pegada de carbono das diferentes explotacións. Isto último permite ao consumidor final identificar ata que punto a fabricación e uso dun determinado produto ou o funcionamento dunha organización ten un maior ou menor impacto ambiental. A duración do proxecto, que ten un orzamento de preto de 150.000 euros, é de 15 meses.

Ángeles Vázquez enmarcou estes traballos na liña de fomento de iniciativas innovadoras, para as que a Consellería destinou 2,8 millóns de euros en 2016, que apoiaron 25 proxectos, co fin de adaptar os distintos sectores a través de novos produtos, novas prácticas, novos procesos e novas tecnoloxías, para así poder abordar con solvencia os novos mercados.

Convenio con Abanca

Este acto, celebrado no Centro Tecnolóxico da Carne, tamén serviu para concretar o compromiso de Abanca co sector primario galego, coa sinatura dun convenio financeiro entre esta entidade e Agrigga. No transcurso da presentación, o director Rede Comercial de Abanca, Gabriel González Eiroa, rubricou o texto e deu a coñecer as alternativas de crédito que se activan para asociados.

Este acordo permite mellorar a competitividade deste colectivo de profesionais, grazas a produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avales ou liñas de desconto, entre outros. González Eiroa tamén puxo en valor as liñas de crédito oficiais postas en marcha coa Xunta, a través do Convenio Xunta Investimentos en Explotacións e Incorporación de Mozos, para facilitar a creación de pequenas explotacións e a incorporación de mozos agricultores ao sector, e co Igape, a través da liña Explotacións Lácteas.