Galicia elaborará un plan para mellorar e reorientar a comercialización dos produtos do mar ante a crise do coronavirus

O obxectivo desta ferramenta é apoiar á cadea mar-industria ante as dificultades derivadas da COVID-19 como a caída das vendas á hostalería, ata agora con nula actividade, e o impacto sobre as exportacións
Publicado por o día 13/05/2020 na sección de Galicia,Mar,Vigo

Galicia elaborará un plan para mellorar e reorientar a comercialización dos produtos do mar ante a crise do coronavirus

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, mantiveron hoxe unha reunión por videoconferencia con representantes do sector marítimo-pesqueiro de Vigo para analizar a situación da cadea mar-industria como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus. Na xuntanza, ambas partes se comprometeron a traballar nun plan que recolla estratexias para mellorar e reorientar a comercialización dos produtos do mar ante a crise provocada pola COVID-19.

A conselleira tamén puxo ao día ao sector das liñas de axuda nas que está a traballar o Executivo galego a través da modificación do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para tratar de compensar as dificultades que mantén este sector debido á situación derivada do coronavirus. Unha desas problemáticas da cadea mar-industria analizadas na videoconferencia é a da caída das vendas á hostalería, ata agora con nula actividade. Tamén se puxo de relevo o impacto da crise do coronavirus en relación coas exportacións ante a redución da demanda por parte doutros países como consecuencia da pandemia.

Nesta liña a titular de Mar lembrou a aposta da Xunta pola mellora da comercialización, que desde 2009 traballa por abrir novos mercados a nivel internacional para os peixes e mariscos de Galicia, pois estes produtos, sinalou, “teñen moi boa acollida en mercados de Italia, Francia, Portugal, Inglaterra, EEUU e incluso China que nestes momentos polas dificultades da pandemia están reducindo as dúas demandas”.

En relación ás estratexias de comercialización, Rosa Quintana, fixo fincapé na necesidade de desenvolver iniciativas como campañas de promoción para impulsar o consumo dos produtos do mar e tamén dirixidas a incrementar o seu valor engadido. Eses obxectivos son algúns dos que persegue o plan no que a Xunta e o sector se comprometeron a traballar e tamén son os doutras iniciativas que Galicia xa está a desenvolver ante o escenario derivado do coronavirus.

Unha delas é a campaña Merca produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco coa que pretende animar á cidadanía a consumir produtos do mar e agradecer así o esforzo e a entrega dos profesionais do mar de Galicia. Con esa finalidade, a iniciativa está presente nos medios de comunicación e redes sociais e nos puntos de venda de diferentes supermercados e hipermercados de Galicia. Neste eido, e dirixida a fomentar o consumo dos produtos do mar en xeración millennial de Galicia, enmárcase tamén a campaña Vai de Peixe, que se reformulou e adaptou ás circunstancias derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus.

Na videoconferencia con Rosa Quintana e Corina Porro participaron representantes da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI), da Asociación de Comercializadores de Peixe de Vigo (Acopevi), de Conxemar, de Anfaco-Cecopesca, da Autoridade Portuaria de Vigo e da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra. Este encontro enmárcase no contacto continuo que está a manter a Consellería do Mar cos distintos sectores para afondar nas medidas desenvolvidas ata o momento ante a crise do coronavirus e analizar as dificultades e retos que se albiscan nun futuro próximo co obxectivo de escoitar as súas propostas e deseñar e poñer a disposición medidas de apoio ante as dificultades derivadas da alerta sanitaria da COVID-19.

Comentar noticia

Your email address will not be published.