Galicia, elixida como o destino turístico español que se promoverá durante a XIX Semana do Cine Español de Polonia

A Comunidade protagonizou a inauguración do festival, que abriu as súas portas a semana pasada e percorrerá nove cidades polacas ata o mes de abril
Publicado por o día 17/03/2019 na sección de Turismo

Galicia, elixida como o destino turístico español que se promoverá durante a XIX Semana do Cine Español de Polonia

A Comunidade galega vén de ser seleccionada como o destino turístico español que protagonice a XIX edición da Semana do Cine Español que se está a celebrar en Polonia. Turespaña escolleu Galicia entre todos os destinos españois coa intención impulsar a súa promoción ata o vindeiro mes de abril neste país, especialmente interesado no Camiño de Santiago.

A Comunidade protagonizou esta semana a inauguración deste festival en Varsovia, cunha presentación do destino a cargo da directora da área de Promoción da Axencia Turismo de Galicia, Carmen Pita. Amais, Galicia aparecerá nomeada nos comunicados que se fan en relación ao certame, no material promocional impreso e nun libreto no que incide na relación de Galicia co cine e a súa importancia a nivel nacional e internacional.


Polonia é un dos países que máis interese amosan polo Camiño de Santiago, como así o constatan as cifras da Oficina do Peregrino que indican que o ano pasado recolleron a Compostela preto de 5.000 peregrinos dese país, cando a cifra, dez anos antes, fora de algo máis de 1.000 peregrinos. A Semana do Cine Español de Polonia recompila cada ano diferentes producións españolas máis importantes dos últimos anos e está organizado pola Axencia de Promoción Mañana en colaboración coa Embaixada de España, Turespaña e o Instituto Cervantes en Cracovia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.