Galicia en Común-Anova Mareas chama a celebrar o Primeiro de Maio defendendo o público como garantía do futuro de Galicia

Antón Gómez Reino anima ás traballadoras galegas a loitar por unha sociedade mellor baseada na defensa dos bens comúns e os intereses colectivos
Publicado por o día 01/05/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Grupo Común da Esquerda,Política

Galicia en Común-Anova Mareas chama a celebrar o Primeiro de Maio defendendo o público como garantía do futuro de Galicia

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino,  chamou hoxe á sociedade galega a construír “un futuro mellor” e a empregar todas as ferramentas do Estado e do Goberno autonómico para “fortalecer o público como protección igualitaria para todas”.

Con motivo da celebración do Primeiro de Maio, conmemorado por primeira vez  na historia da democracia sen manifestacións a causa da emerxencia sanitaria provocada pola epidemia de Covid-19, Gómez Reino invitou á cidadanía a reivindicar “a solidariedade e a vida”.

“Afrontemos unidas a necesidade dun modo de produción e de existencia máis humano, rematemos coa precariedade como forma de vida e explotación, e preocupémonos de coidar de quen nos coida”, dixo.

O voceiro da coalición lembrou ás miles de familias traballadoras e autónomas galegas “que non poden ir traballar porque a epidemia obrigou a pechar grandes e pequenas empresas e negocios”. “Defendemos o valor do público porque é a única garantía de que ningunha delas queda atrás”, declarou.

Gómez Reino fixo unha mención especial para as traballadoras da sanidade e dos coidados, ás produtoras, transportistas e empregadas da cadea de distribución de alimentos, para as membros das forzas de seguridade do Estado e de Protección civil, para as xornalistas e para todas as traballadoras dos servizos esenciais.

“Elas son o mellor exemplo dese espírito de solidariedade e de defensa dos bens comúns e dos intereses colectivos sobre o que queremos basear a nosa reconstrución como sociedade”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.