Galicia en Común-Anova Mareas insta a concentrar todos os esforzos contra a pandemia logo da suspensión electoral e urxe a amplificar o escudo social

As organizacións políticas que integramos a arquitectura social temos que concentrar todas as forzas e esforzos no combate contra esta pandemia polo ben común
Publicado por o día 18/03/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

Galicia en Común-Anova Mareas insta a concentrar todos os esforzos contra a pandemia logo da suspensión electoral e urxe a amplificar o escudo social

Galicia en Común- Anova Mareas valorou hoxe positivamente a comunicación da Xunta Electoral de Galicia que da luz verde ao decreto da Xunta para a suspensión das eleccións do 5 de abril. Era unha nova necesaria para que todas as forzas e esforzos políticos se concentren en loitar contra o coronavirus desde a nosa responsabilidade individual e colectiva para erradicar a pandemia e saír adiante xuntas e unidas como sociedade.

“Desde  Galicia en Común-Anova Mareas temos dito estes días claramente que absolutamente todos os recursos das Administracións públicas teñen que estar dirixidos ao combate contra o coronavirus no sanitario e nas súas derivadas pero tamén, e isto é fundamental, contra as súas consecuencias socioeconómicas”, manifestaba hoxe o candidato da coalición, Antón Gómez-Reino.

“No contexto no que estamos, as organizacións políticas e os responsables institucionais como parte da arquitectura social, temos que fomentar e apoiar a unidade na loita contra os efectos do coronavirus, porque isto é o que nos demandan a sociedade e o país”, apuntaba  Gómez-Reino.

Coa decisión da Xunta Electoral e a publicación do decreto damos, formalmente, por finalizada a convocatoria electoral nunha campaña que xa quedara en suspenso días atrás.

“Valoramos como positivo e avalamos o adiamento electoral en Galicia para un momento no que teñamos superada esta crise. Estamos, como dixemos, ao dispor da Xunta para axudar, propoñer e arrimar o o ombreiro na loita contra a crise do coronavirus. Neste momento e nos días que veñen, todos os esforzos teñen que estar concentrados en dar e gañar esta batalla contra a pandemia sen deixar a ninguén atrás”, reiterou Gómez-Reino. 

Desde Galicia en Común-Anova Mareas entendemos que unha nova data para a celebración electoral deberá ser froito do mesmo consenso entre as forzas políticas galegas que o que derivou na súa suspensión.

Demandamos, unha vez mais ao Goberno galego, o reforzo dos equipos humanos e dos medios técnicos no eido sanitario para cubrir todo o territorio galego, e que no exercizo das súas compentencias, que garanta e amplifique o escudo social para minorar as consecuencias socioeconómicas que está a deixar e as que se prevén para esta crise sanitaria.

Gómez-Reino tamén facía fincapé en que cómpre activar debidamente o control ao Goberno a través da Deputación Permanente no Hórreo “porque é o lóxico e pertinente nun sistema democrático e parlamentario como é o galego”.  

Por último, no nome da coalición, o candidato quixo mandar unha nova mensaxe de agradecemento ao conxunto da sociedade galega polo seu exemplo cívico e solidario, así como a admiración e o fondo agradecemento polos profesionais sanitarios, os equipos de emerxencia, o persoal de coidados e das cadeas de limpeza, transporte e distribución de alimentos que están a facer un esforzo titánico para que vaiamos adiante.