Galicia en Común-Anova Mareas lamenta a pobre bagaxe da Xunta para protexer a xente e garantir unha saída xusta da crise

Antón Sánchez critica que o conselleiro de Facenda non presenta as medidas necesarias porque o Executivo de Feijóo escolleu o electoralismo e a intoxicación en lugar de gobernar
Publicado por o día 30/04/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Grupo Común da Esquerda,Política

Galicia en Común-Anova Mareas lamenta a pobre bagaxe da Xunta para protexer a xente e garantir unha saída xusta da crise

Galicia en Común-Anova Mareas denunciou onte a pobre bagaxe que presenta a Xunta para protexer a xente e garantir unha saída xusta da crise tras 45 días de Estado de Alarma pola epidemia da Covid-19. Así o manifestou o voceiro da formación no Parlamento, Antón Sánchez, durante a comparecencia do conselleiro de Facenda na Deputación Permanente da Cámara.

«Despois de 45 días da declaración do Estado de Alarma e un mes despois da comparecencia de Feijóo, o conselleiro trae unha bagaxe ben pobre porque escolleron o electoralismo e a intoxicación en lugar de gobernar», lamentou.

Sánchez comezou sinalando que «a Feijóo xa lle preguntamos por que Galicia era das poucas comunidades que non tiña aprobadas axudas directas para os autónomos, e 33 días despois segue sen facelo».

Na súa intervención o conselleiro unicamente trouxo «un informe dun comité de expertos, solo sobre a fase 1 e cun único aspecto, dotar de liquidez a empresas e autónomos. Unha medida necesaria pero insuficiente. Mentres, outras comunidades levan tomando medidas todo este tempo, dando axudas directas a autónomos. Moitos non ven como boa solución endebedarse máis cos préstamos, e por iso teñen razón de ser as axudas. Vostedes non as poñen en marcha, e eles están necesitados», resumiu, destacando que existen exemplos de comunidades autónomas de todas as cores políticas que si tomaron estas medidas.

Sánchez afeou que o conselleiro caeu nunha contradición evidente, ao sinalar que eran «os mellor preparados a nivel orzamentario e económico, pero despois xustificou a ausencia de axudas pola falta de ingresos por parte do Estado que vostede cre que lle corresponden a Galicia. Polo tanto, ou on están tan ben preparados, ou non teñen esa sensibilidade social». Esta falta de sensibilidade tamén a denunciou o voceiro ante o «esquecemento de moita xente no seu discurso. Non falou de reforzar a Risga para as persoas sen ingresos nin de axudas para a vivenda», entre outras.

Con respecto ao comité de expertos do Executivo galego, Antón Sánchez indicou que «foi creado como se esta crise solo dependera da solvencia técnica, cando tamén require debate político para definir o rumbo que tomemos».Así, sinalou máis contradicións do Goberno de Feijóo, aprezadas en que «non sabemos se este comité está feito para asesorar a Xunta ou a outras administracións, porque das 20 medidas que presenta, 15 son dirixidas a outros, principalmente o Goberno do Estado. Ademais, queren marcarlle o calendario fiscal aos concellos, mentres se queixan de que o Goberno do Estado se mete nas súas contas».

Fronte a isto, Sánchez avogou por «formular un debate máis fondo». Desta maneira, preguntouse se «non quedou demostrado con esta crise que a garantía para a xente máis desprotexida é un sistema público forte», ou se «non se está cuestionando a mercantilización da saúde e do coidado dos maiores. As residencias privadas veñen sendo denunciadas por incumprir a legalidade coa súa connivencia, e son as que representan maior perigo de contaxios e mortes. Nós consideramos que deben ser de xestión pública directa».

Do mesmo xeito, o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas sinalou a necesidade de acabar coa precariedade laboral na sanidade, que denuncian colectivos como as Eventuais en Loita. «Nós propoñemos dotar a este persoal de estabilidade laboral. Para isto, fan falta cambios a nivel estatal e autonómico, na política económica e fiscal. Hai que deixar de tomar medidas para favorecer os que máis teñen e cumprir coa progresividade. Poden empezar por desfacer o que fixeron nos últimos anos coa súa política fiscal de favores aos grandes patrimonios», reclamou.