Galicia en Común Anova-Mareas reclama á Xunta que impida a venda irregular de animais como “salvoconducto” para vulnerar o confinamento

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou hoxe á Xunta unha acción decida en favor do sector veterinario e do benestar animal, que inclúa accións específicas para impedir a venda irregular de animais como forma de “salvoconducto” para vulnerar o confinamento social.

“A Xunta ten a obriga de anular os centos de anuncios que se están producindo estes días, e que teñen como único obxecto a compra-venda irresponsable de mascotas para sortear as medidas decretadas polo Estado de alamar”, dixo.

A coalición reclama tamén ao Goberno Galego que poña en marcha varias medidas destinadas a apoiar ao sector, entre elas a implementación de liñas de axuda específicas para que as clínicas e os profesionais autónomos poidan paliar as perdas económicas derivadas da crise sanitaria, e adquirir material especializado e de protección.

“O sector do benestar animal abrangue desde as entidades sen ánimo de lucro que xestionan refuxios, e que traballan coa fórmula das casas de acollida e co voluntariado, e as clínicas veterinarias que realizan unha labor importantísima en materia de sanidade e saúde animal e, por extensión, de saúde pública”, lembrou o voceiro.

“Son persoas anónimas que continúan a traballar para alimentar animais, para xestionar colonias de gatos ferais, rescatando ou mantendo os centros de acollida, coidando dos animais enfermos e atendendo urxencias. E non temos constancia de que a Xunta contactara cos colexios de veterinarias e veterinarios nin con ONG algunha para preguntarlles polas necesidades neste contexto de confinamento social”.

Galicia en Común-Anova Mareas tamén propón aumentar o orzamento para apoiar aos Concellos e as entidades protectoras, desde os 125.000€ previstos para o 2020 ata 2 millóns de euros en axudas directas para financiar o funcionamento dos centros de acollida e adquisición de materiais, alimentación e mellora da eficiencia enerxética.

A coalición propón subsidiar as taxas de adopción animal dos centros públicos, para facilitar este xesto solidario unha vez superada a crise sanitaria e contribuíndo a desconxestionar a ocupación dos mesmos; implementar unha estratexia galega contra o abandono para previr novos casos; e o impulso dunha campaña comunicativa dos medios públicos da CRTVG sobre o bo trato animal, que promova conductas positivas como o acollemento, a adopción e a participación das entidades protectoras na sociedade galega.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario