Galicia en Común demanda máis recursos para a cooperación

Varios candidatos de Galicia en Común mantiveron este xoves unha xuntanza coa coordinadora galega de ONGDs.
Publicado por o día 07/11/2019 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

Galicia en Común demanda máis recursos para a cooperación

Os candidatos de Galicia En Común ao Congreso, Antón Gómez-Reino e Adrián García Seijas mantiveron unha xuntanza este mediodía en Compostela coa Coordinadora Galega de ONGDs no marco das xuntanzas que estamos a facer coa sociedade civil para recoller as súas demandas e trasladarlle as nosas propostas programáticas. Á reunión asistiron Ángel Gañobre, membro da directiva da Coordinadora e Sara García Mato, quen forma parte do equipo técnico da mesma.

“Creo que a Coordinadora fai un traballo fundamental» – destacou Gómez-Reino ao remate da xuntanza – «non soamente de cara ao exterior e de cooperación con outras partes do mundo senón de sensibilización no conxunto da sociedade galega”.

Desde o noso punto de vista, sinalou o candidato de Galica en Común, «un goberno progresista e un goberno no que estea Galicia En Común, vai apoiar, e non só con palabras senón con recursos e con orzamentos á cooperación en xeral e á cooperación galega en particular». Parécenos que Galicia ten que consolidar unha política de acción exterior por unha parte e unha política propia de cooperación e para iso desde o Estado, desde o Congreso e desde o Senado, se ten que apoiar todo este tipo de medidas.

Antón Gómez-Reino destacou a total coincidencia coa Coordinadora nas liñas estratéxicas que ten que ter a cooperación galega e estatal nos próximos anos, onde “ten que haber un foco moito máis importante para o feminismo, un foco moito máis decidido para afrontar a crise migratoria e das persoas refuxiadas, ou atender asuntos como a cuestión climática que tamén afectan a moitas partes do planeta e están redundando no empeoramento das condicións de vida neses países”.

Gómez-Reino trasladou á Coordinadora Galega de ONGDs o compromiso de Galicia En Común de traballar con elas e con eles para facer un ámbito de relacións internacionais máis multilateral e democrático, e para ter partidas orzamentarias concretas e unha ferramenta como é a cooperación, que non só serve para axudar e mellorar a vida no conxunto do planeta, senón que tamén vale para que a nosa sociedade sexa máis democrática e máis xusta.

Comentar noticia

Your email address will not be published.