Galicia en Común: “Os que non se renden, van abrir camiño”

“Temos que facer destas eleccións unha lección de dignidade. Non nos rendimos, teremos un Goberno de esquerdas no que Galicia esté presente”
Publicado por o día 08/11/2019 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

Galicia en Común: “Os que non se renden, van abrir camiño”

“Nestes últimos intres da campaña dirixímonos a vós: aos que non se renden. Dábannos por acabados e con estas eleccións querían derrotarnos pero aquí estamos: en pé. Con forza, coa vosa forza, este domingo, ímonos abrir paso e ides abrir o camiño para que Galicia estea no Goberno. Para que Galicia conte”, apuntou Yolanda Díaz no peche desta campaña electoral.

Os candidatos de Galicia en Común lanzaron un contundente chamado á resistencia, á rebeldía, á defensa da dignidade contra os poderes económicos votando a En Común-Unidas Podemos nas urnas o vindeiro 10 de novembro.

“Este 10N xogámonos moito: diriximonos aos que non se renden e xóganse moito nestas eleccións”, dixo Yolanda Díaz, “son persoas desempregadas, aos precarios que malviven na procura dun emprego decente, aos maiores, que nos deron moitas leccións de dignidade, aos mozos e mozas que queren regresar a súa terra e aos que nos din que son un planeta B e as mulleres que saben que só Sí é Sí. Aos que loitan cada día nos coidados, no mar, no agro e, de verdade, tamén lles falamos aos socialistas de corazón”.

“Estamos certos de que, co voso empurre, podemos ter e imos a ter un Goberno de progreso, un Goberno de esquerdas. Veñen tempos incertos, tempos difíciles, escuros cunha extrema dereita instalada no Congreso querendo socavar os nosos dereitos”, dicía o candidato por A Coruña, Antón Gómez Reino. “Pero se hai un espazo granítico, rocoso que pare á extrema dereita, eses somos nós. Podedes contar con nós porque non imos ceder un ápice das nosas liberdades”.

“Podemos ter un Goberno de esquerdas no que Galicia esté dentro. Claro que podes contar con nós!”, incidía Gómez-Reino.

O domingo, – explicaba o candidato por A Coruña- estamos ante outro momento decisivo da historia, nunhas eleccións trampulleiras que podemos e debemos transformar nunha lección de dignidade, nun paso adiante.

“Temos que facer que Galicia conte nun goberno forte que entenda as necesidades do noso mar, do agro, da nosa industria e do noso patrimonio histórico e natural”, proclamou.

“Este domingo, a pé das urnas, o voto a En Común-Unidas Podemos vale por tres: para frear a extrema dereita e restarlles representación na Coruña e Pontevedra; para arrastrar ao PSOE a un Goberno de esquerdas con Galicia no centro, no Consello de Ministros e para rachar co bipartidismo PP-PSOE en Ourense e Lugo”, sinalaron os candidatos.

“O domingo é o único día do ano no que o noso voto, o voso voto, vale igual que o de Florentino Pérez e Ana Patricia Botín”, incidiu. “Por iso vos dicimos que sí se pode, que o 10 de novembro, votedes a En Común-Unidas Podemos para mudar a historia deste país”.

“Pulemos por un Goberno de esquerdas que se comprometa co ecoloxismo, o cambio climático, coa rexeneración das nosas rías, co cambio de modelo no ciclo forestal, que remate cos incendios e cun Goberno que, en definitiva, saiba e actue sabendo que non hai planeta B. Para iso estaremos desde Galicia en Común-Unidas Podemos”, manifestou Gómez-Reino.

“Convocaron estas eleccións para derrotarnos a todas. Para que ficarades na casa e pensarades que todos os políticos son iguais e ter así a vía libre para seguir saqueando i expoliando aos traballadores e traballadoras. Mais estamos en pé fronte ao bipartidismo, dicindo que este sistema apodrecido xa rematou e que chegou a hora da xustiza social”, manifestaba a candidata por Lugo, Vanessa Somoza, que facía un chamado a votar o 10N para colocar a Lugo “en primeira liña”.

Pola súa banda, David Bruzos, candidato por Ourense lembraba e insistía na importancia de acudir as urnas este domingo, de mobilizarse pola dignidade e o futuro. “Somos o único espazo político que foi quen de rachar co bipartidismo na provincia de Ourense e podemos voltar a facelo, como no 2015”, dicía Bruzos.

“O voto que vale, o voto que este domingo suma por un Goberno de esquerdas, no que estamos fortes para que Galicia conte, este dentro e no centro das decisións políticas, é para Galicia en Común-Unidas Podemos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.