Galicia en Común pide compromiso coa carga de traballo de traballo para as empresas auxiliares de Navantia

Yolanda Díaz: «O bipartidismo de PP e PSOE sempre nos mentiron e deixaron a Ferrolterra tirada. Toca mobilizarse por un Goberno progresista no que Galicia estará presente e que mire polo futuro das empresas auxiliares»
Publicado por o día 07/11/2019 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

Galicia en Común pide compromiso coa carga de traballo de traballo para as empresas auxiliares de Navantia

Os deputados e candidatos de Galicia en Común ao Congreso, Antón Gómez-Reino, Yolanda Díaz, Loreto Taibo e Adrián G. Seijas, participaron esta mañá da mobilización dos traballadores e traballadoras dos estaleiros públicos de Ferrol, que se botaron á rúa, unha vez mais, camiñando desde a porta da factoría de Ferrol ate a delegación da Xunta, para urxir ao Goberno a construción dun AOR que faga de contrato ponte e palie o parón industrial que se aveciña entre a fin do contrato actual e o inicio das comprometidas fragatas F-110 no 2022.

“O bipartidismo do PP e o PSOE sempre nos mentiron e deixaron tirada a esta comarca. Navantia e as empresas auxiliares deben ter suficiente cagar de traballo, estabilidade e un horizonte de traballo que aporte o que se precisa para garantir futuro e emprego a unha comarca fundamental no noso país”, sinalou Díaz.

Os deputados resaltaron que hoxe quixeron estar nas rúas de Ferrol, acompañando aos traballadores e ás traballadoras do naval, dos estaleiros e das súas auxiliares. «Unha empresa pública como é Navantia necesita dun Goberno progresista que se tome en serio a intervención pública e decidida no sectores estratéxicos en Ferrol e en Galicia”, reclamaba Gómez-Reino, cabeza de lista pola Coruña.

Toca falar dunha das comarcas máis empobrecidas do Estado. Temos un triste mérito que é ser unha comarca sen futuro”, lamentaba a deputada ferrolana Yolanda Díaz, que acusou aos socialistas de pasearse por Ferrol en cada campaña con promesas como o estaleiro 4.0, que non se materializan. “Minten, e esta comarca ten que sabelo”, advertiu.

En concreto, referíase ás visitas da ministra de Defensa en funcións, Margarita Robles, que paseaba estes días polo centro de Ferrol como xa fixera co gallo das campaña do 28A suxerindo que o contrato das fragatas F-110 vinculabase á continuidade do seu goberno. “O noso grupo pediu a súa comparecencia e no propio Congreso, Margarita Robles comprometeu o estaleiro 4.0 (que non foi licitado)”, denunciou Díaz.

“O que nos xogamos o 10N é o bipartidisimo. Da igual que goberne o PP ou PSOE, deixan tiradas ás persoas desta comarca sempre. Mentiron e na comarca de Ferrolterra teñen que sabelo. E nós non estamos para que morra a comarca de Ferrolterra e o naval. Estamos para que esta comarca teña futuro e dignidade”, proclamou Yolanda Díaz.

Ante isto, fixo un chamado á cidadanía, destacando que é imprescindible derogar a reforma laboral, entre outras cousas, porque os traballadores das auxiliares están a cobrar menos polo mesmo traballo que os da principal.

Ademais, lembrou as palabras de Ábalos [en referencia ao manifesto polo ministro en funcións sobre os datos de desemprego]. «Sinto vergoña. Non terán a caradura de vir á miña cidade a dicir que a xente está no paro porque teña moitas oportunidades: é porque non hai futuro, non hai carga de traballo para estas empresas”, sentenciou.

Pola súa banda, Gómez-Reino incidía en que o vindeiro domingo, o voto a Galicia en Común vale triple: para frear a dereita, para consolidar un Goberno de esquerdas no país e para que esta comarca de Ferrolterra e Galicia estean representadas no vindeiro Goberno.

«Hai moito traballo por facer tras o 10N. Facemos un chamado á mobilización do voto progresista porque estamos moi preto de acadar a segunda deputada pola Coruña e a segunda por Pontevedra”, engadiu o candidato coruñés.

CAMF

A deputada Yolanda Díaz e a número dous da candidatura ao Congreso pola Coruña, Loreto Taibo, tamén visitaron esta mañá o CAMF de Ferrol e mantiñan unha xuntanza con traballadores e traballadoras, así como con representantes sindicais.

«Este centro está absolutamente abandonado e está instalada a precariedade laboral», denunciou a deputada.

«O centro se cae a pedazos e camiña cara a privatización. O Executivo ten que dar cumpridas explicacións, nós seguiremos trasladando esta cuestión e denunciando o seu estado nas Cortes», engadiu Díaz.

Na pasada lexislatura, Galicia en Común rexistrou unha batería de preguntas no Congreso e tres proposicións non de lei (PNL) para instar ao Goberno -tanto ao popular como ao seguinte do PSOE- a actuar ante a sucesión de contratacións irregulares que derivaron en requirimentos da Inspección de Traballo e Seguridade Social de A Coruña nos que reclamaban a Administración central que se puxera fin de xeito inmediato a estas irregularidades.

Se lles instaba, ademais, para que se convocasen, con urxencia, a Oferta de Emprego Público pendente dos anos anteriores.

Os sindicatos denuncian as malas condicións do centro e a precariedade. Levan catro anos encadeando mais 3.000 de contratos eventuais cun elevado número de postos vacantes tanto no centro de Ferrol como no de Promoción da Autonomía Persoal (CPAP) de Bergondo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.