Galicia en Común-Anova Mareas denunciou este venres a que Feijóo dilata a entrega da documentación sobre a fusión das caixas de aforro para que a cidadanía non coñeza toda a verdade sobre esta operación cando acuda a votar o 12 de xullo.
A cabeza de lista por Pontevedra, Eva Solla, o voceiro do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, e o concelleiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez lembraron que o 22 de xuño o TSXG ditou unha sentenza que condena a Xunta de Galicia por vulnerar os dereitos de Sánchez como paralmentario ao negarlle reiteradamente información transcendental sobre a fusión das caixas, que acabou co espolio do 40% do aforro dos galegos e galegas.
A documentación que a Xunta debe entregar é o informe de proposta de fusión das caixas de aforros da conselleira de Facenda naquela altura, Marta Fernández Currás, así como a acta da reunión de secretarios xerais previa ao Consello da Xunta no que se autorizou a fusión.
“Levamos 2 lexislaturas tentando coñecer o proceso de espolio do aforro das galegas e galegos que supuxo a fusión das caixas, levando por diante 8 mil millóns de euros públicos”, incidiu Solla. “Na comisión parlamentaria das caixas tivemos unha documentación incompleta porque o PP de Feijóo empeñouse en que non se coñecera a información, xa que deixaría ás claras este proceso de roubo e espolio”.
A candidata manifestou o compromiso da coalición para “auditar o proceso de venda das caixas cando cheguemos ao goberno da Xunta para que a información sexa coñecida por todos os galegos e galegas”. Ademais, sinalou que, tal como contempla o programa da formación para o 12X “impulsaremos unha banca pública, da que carecemos actualmente”.
Antón Sánchez apuntou que “tivemos que estar anos pleiteando e pelexando por unha información que pertence á cidadanía galega. Vulneráronse os dereitos de toda a cidadanía a saber que aconteceu con esta estafa, a máis importante en décadas neste país nunha operación avalada por mentiras”.
“Feijóo dixo que non había nada que ocultar, pero a ocultación, a opacidade, a mentira e a manipulación que utiliza sistematicamente o PP é o caldo de cultivo perfecto para poder perpetrar estes grandes roubos”, criticou. Así, Sánchez afirmou que “se a cidadanía coñece a información, o 12X apostará pola decencia e a honradez. Queremos sacar a esa banda de ladróns do goberno coa verdade”.
Pola súa banda, Rubén Pérez resaltou que en Vigo a fusión “supuxo unha perda patrimonial brutal, que aínda está por cuantificar”. Desta maneira, anunciou o rexistro dunha moción “para que tamén o Concello de Vigo se pronuncie, toda vez que toda a comarca sufriu un auténtico espolio con esa fusión”
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.