“Nunha poboación golpeada pola crise, causa alarma saber que o seu presidente utiliza a lei para recibir doazóns de empresas que logo son as que contratan co goberno a meirande parte da obra pública”, indicou o portavoz parlamentario Luís Villares na pregunta ao presidente da Xunta en alusión ás declaracións de Feijóo nas que recoñecía que o PP empregara “zonas grises da lei para financiar campañas electorais”.
Esa forma de xustificar a corrupción política é para Luís Villares un escándalo público e unha actitude “irresponsable dun gobernante dun partido que votou a Lei de financiamento de partidos políticos aproveitándose da súa redacción para sacar un beneficio propio”. Algo que para o voceiro de En Marea ten un nome, “corrupción institucional”, crear un entramado legal para defraudar.
“As zonas grises das lei producen diñeiro negro e moitas sombras, nas prisións sen ir máis lonxe, e senón pregúntenlle a Bárcenas ou a Crespo”, denunciou Villares para quen “disculpar unha doazón millonaria dunha empresa contratista do goberno porque non hai enriquecemento ilícito é insólito” e deixa en evidencia “dun partido que logo paga en sobres aos seus deputados”.
En Marea, que xa denunciou na anterior sesión o criterio da Xunta de recurrir a financiamento privado no canto de facelo con fondos públicos e aforrar centos de millóns de euros, preguntoulle de novo a Feijóo se nesa ocasión “non había zonas grises para para acudir aos fondos sen estar intervidos”. “Admítao, o seu daltonismo político impediulle ver con claridade que acudir á banca privada nos custou un diñeiro en xuros que non puidemos investir en políticas sociais”, interpelou Villares a Feijóo.
O voceiro parlamentario tamén lle recordou ao Presidente da Xunta o cálculo errado na cantidade que lle correspondía a Galicia da conta do financiamento autonómico, que para En Marea estaba recortada en 250 millóns de euros. “O seu Conselleiro manifestou que non eramos rigorosos na interpretación da Lei e antonte a vicepresidenta do goberno de España veu a dicirlles que aplicaron mai a lei e a anunciar un financiamento adcional para Galicia de 247 millóns de euros a consecuencia de aplicar correctamente todos os criterios”
Ademais, Luís Villares aludiu á petición de En Marea de crear unha Fiscalía Especial contra a Corrupción en Galicia. “Vostedes, para variar, votaron en contra, porque todo o que teña que ver con poñer medios para a administración de Xustiza e loitar contra a corrupción non o ven claro, verano gris, tal vez”. O venres pasado o Fiscal Xeraldo Estado José Manuel Maza manifestou que é necesaria e é moi posible que se cree. En 2015 (último ano con datos) abríronse en Galicia máis de 200 instrucións por delictos relacionados coa corrupción política, social e económica.
“Deixe a zona gris, deixe o lado escuro, sr Feijóo”, interpelou Villares, para quen “en Galicia hai dúas formas de facer política, a dun Partido Popular que interpreta as zonas grises da lei para beneficiarse a si mesmo e a dunha Marea que interpreta a lei para beneficiar a xente”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.