Galicia iniciará unha nova etapa na ordenación territorial basada no criterio ambiental para asegurar a provisión de servizos básicos grazas a Estratexia de infraestrutura verde

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio indica que o obxectivo é garantir a biodiversidade a mitigación do cambio climático, mellorar a xestión da auga e preservar os valores culturais
Publicado por o día 12/05/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia

Galicia iniciará unha nova etapa na ordenación territorial basada no criterio ambiental para asegurar a provisión de servizos básicos grazas a Estratexia de infraestrutura verde

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, salientou a mañá do xoves que grazas a posta en marcha da Estratexia de Infraestrutura Verde, Galicia iniciará unha nova etapa na ordenación territorial cuxa base será o punto de vista ambiental, co fin de asegurar a provisión de servizos básicos como a biodiversidade (hábitat), a adaptación e mitigación do cambio climático (regulación), a xestión e mellora da calidade das augas, aire… (aprovisonamento) e dos valores culturais.

Tal e como explicou a conselleira, trátase de reforzar a estrutura ecolóxica básica de Galicia mediante a definición dunha rede de zonas naturais e seminaturais deseñada e xestionada para protexer a biodiversidade e proporcionar servizos ecosistémicos. Deste xeito, ademais dos beneficios ambientais, a solución de infraestrutura verde é rendible e contribúe ao desenvolvemento económico, fomentando enfoques innovadores e creando novos negocios ecolóxicos, que xa representan o 5% do mercado laboral.

Nese sentido, o Goberno galego levará a cabo o primeiro exemplo do desenvolvemento desta estratexia a escala local e nun ámbito urbano, que será o deseño e creación do Sistema de Infraestrutura Verde da Área Metropolitana da Coruña, que conta cun investimento de 180.000 euros e no que xa están a traballar a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituo de Estudos do Territorio e varios grupos de investigación das universidades da Coruña e Santiago de Compostela. Así, séguese o exemplo da Estratexia de Infraestrutura Verde Europea, que ten por obxectivo crear un marco robusto e propicio para fomentar e facilitar proxectos de infraestrutura verde mediante os instrumentos de financiamento, políticos e xurídicos existentes.

A conselleira defendeu que actualmente Europa non solicita proxectos illados, senón que pide estratexias integradas, é dicir, “proxectos que formen parte dun todo, dun proxecto global e dun proxecto de cidade”. Así o entendeu o Goberno galego e por iso está a axudar aos concellos máis pequenos, que dispoñen de menos recursos e menos persoal, coa convocatoria de axudas para entidades locais para a asistencia na elaboración de estratexias DUSI. Unha iniciativa na que resultaron benficiarios 127 concellos galegos de menos de 20.000 habitantes e á que a Consellería destinou 530.000 euros.

Mato Otero sinalou que, no eido das súas competencias, destaca a plena sintonía coa Unión Europea para implantar a economía circular, “unha das prioridades do actual Goberno”, indicou, por dúas grandes vantaxes: o seu potencial para resolver os retos ambientais e porque proporciona oportunidades de negocio e crecemento económico.

Recordou os pasos avanzados na Comunidade para achegarse á economía circular, coa posta en marcha da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, na que se fixarán as liñas de actuación que se deberán tomar nun longo prazo (no horizonte 2050) para facer fronte ao cambio climático e que irá acompañada dun mapa de coñecemento en cambio climático.

Tamén se desenvolverá a Estratexia Galega de Sustentabilidade Ambiental, centrada en crear unha economía eficiente, sustentable e baixa en emisións de carbono e que terá unha vixencia ata 2025 e por último, recordou que se está a tramitar a Estratexia Galega de Economía Circular; polo que co desenvolvemento destas tres estratexias a Comunidade galega poderá potenciar e impulsar un consumo informado e responsable.