Galicia insiste na necesidade de que a PAC 2020 teña en conta as peculiaridades de cada rexión nun único plan estratéxico por Estado

O conselleiro do Medio Rural asistiu ao Consello de Ministros de Agricultura en Luxemburgo en representación do resto de comunidades autónomas
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Xunta de Galicia

Galicia insiste na necesidade de que a PAC 2020 teña en conta as peculiaridades de cada rexión nun único plan estratéxico por Estado

O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu hoxe en representación do resto de comunidades autónomas, ao Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea que se celebraba en Luxemburgo e no que acompañou ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. Alí, González defendeu a postura acordada dende Galicia co sector e que pasa, entre outros, por que a nova PAC 2020 teñan en conta as peculiaridades de cada territorio xa que as necesidades de cada comunidade no ámbito agrario son diferentes.

Precisamente un dos puntos a valorar neste consello de ministros foi o apoio aos plans estratéxicos dos estados membro, que abarcan a arquitectura e as normas a seguir na Política Agraria Común. Neste sentido, dende Galicia apóstase por un único plan estratéxico por Estado que recolla as singularidades das comunidades autónomas para así simplificar a tramitación e garantir a igualdade de oportunidades entre os beneficiarios.

Así mesmo, o conselleiro do Medio Rural insistiu na necesidade de que a nova PAC siga estando baseada en dous piares: as axudas directas e o desenvolvemento rural. No primeiro caso, Galicia e o resto de comunidades autónomas apostan por que estas achegas estean financiadas exclusivamente con fondos europeos, como ata agora.

Apoio aos mozos

Para a nosa comunidade, ademais é crucial o apoio aos agricultores e gandeiros mozos de cara a loitar contra a despoboación no rural. Estas axudas están tendo un gran éxito nos últimos anos no noso territorio e apostamos por apoiar tamén a súa incorporación nas sociedades empresariais.

De cara a favorecer as pequenas explotacións, José Gonzalez mostrouse de acordo coa intención de establecer un tope máximo de axuda por explotación pero en lugar de 100.000 euros como propón a Comisión Europea, dende Galicia apostamos por rebaixar o límite a 60.000 euros.

Consultas aos estados

Na sesión de hoxe na que a Presidencia da Comisión presentou un informe da situación actual para a redacción dos plans estratéxicos, abordouse tamén a cuestión medioambiental e ecolóxica no desenvolvemento da nova PAC. Así, Galicia e o resto de España entende que a nova política agraria ten que apostar por modelos e prácticas sostibles dende o punto de vista climático pero sempre que se garanta a rendibilidade económica das explotacións e que as actuacións sexan un incentivo para o agricultor, non unha obriga. Así mesmo, para facer fronte a estes novos esforzos ambientais, reclámase a correspondente dotación económica que permita abordar os cambios precisos por parte dos Estados.

Neste encontro a Comisión Europea aproveitou tamén para informar da reunión que este verán mantiveron os ministros de agricultura dos Estados membro do G-20 en Argentina. Así, abordáronse cuestións como a xestión durable do solo, a redución dos desperdicios alimentarios e o papel da tecnoloxía na agricultura.