Galicia levará as súas empresas de produtos ecolóxicos á feira máis importante deste sector, que se celebra en Nüremberg a vindeira semana

A conselleira do Medio Rural visitará o salón Biofach de Alemaña para apoiar coa súa presenza a promoción da calidade ecolóxica de Galicia
Por o 13/02/2018 | Sección: Alimentación
Galicia levará as súas empresas de produtos ecolóxicos á feira máis importante deste sector, que se celebra en Nüremberg a vindeira semana

A vindeira semana terá lugar unha nova edición da feira Biofach de Nüremberg (Alemaña), á cal asistirán un total de 11 empresas galegas do sector dos produtos ecolóxicos da man do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega) e contando co apoio da Xunta de Galicia. Trátase dunha cita imprescindible para este eido, pois a feira está considerada como unha das máis importantes a nivel internacional.

En total son 11 as empresas galegas participantes que recibirán a visita da propia conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, co fin de apoiar a promoción da calidade ecolóxica de Galicia. A presenza nestas feiras internacionais permite non só acadar novos clientes para os produtos galegos senón coñecer as preferencias dos consumidores para poder desenvolver os produtos que demanda o mercado.

O Craega estará presente nesta feira con dous espazos expositivos de 110 metros cadrados en total e situados no pavillón 5, no que se localizan a maioría das comunidades españolas. Para asistir a este certame, o Consello Regulador solicitou unha achega da Administración autonómica, con cargo á orde de axudas para a promoción dos produtos agroalimentarios.

Neste espazo expositivo estarán presentes 11 empresas. Trátase de Mieles Anta, con meles e outros produtos apícolas; Orballo, con prantas aromáticas, especias e ecoarroces; Coren, con polos de produción ecolóxica; Produto de Aldea, especializado en viños ecolóxicos; Bio Factory (xeados), Hifas da Terra (cogumelos) e Galletas Daveiga, coas súas galletas mariñeiras. Pertencente ao ámbito mariñeiro, participarán tamén Conservas Orbe, Connorsa e Pasteurizados Cies, todos eles dedicados a conservas de pescados e moluscos e Porto-Muíños, especialista na elaboración de algas e outros produtos transformados.

Datos de Biofach

A feira Biofach de Nüremberg iniciarase o vindeiro mércores, 14 de febreiro e prolongarase ata o sábado 17. Na pasada edición chegou aos 51.453 visitantes profesionais. En total houbo 2.793 expositores procedentes de 88 países.