Galicia lidera a caída do paro no Estado e rexistra un aumento da contratación indefinida con respecto a decembro

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos do paro rexistrado, que só descende en Baleares e na comunidade galega na comparativa mensual, mentres que no Estado aumenta

Galicia, pese aos efectos que a pandemia está a causar no mercado laboral, iniciou o ano cunha baixada do paro do 1,90% (-3.603 persoas) e cun aumento da contratación indefinida e a tempo completo con respecto a decembro de 2020. De feito, Galicia lidera a caída do paro no Estado na comparativa mensual e é unha das dúas comunidades, xunto con Baleares, nas que baixa o desemprego, mentres que en España medra (+1,96%). En canto ás afiliacións á Seguridade Social, a cifra sitúase a un nivel superior ao reflectido hai dez anos (xaneiro 2011).

Na evolución mensual (comparativa xaneiro de 2021-decembro de 2020), o desemprego descendeu por primeira vez nun mes de xaneiro desde 1996 e nas catro provincias, nas 7 grandes cidades, nos principais sectores económicos e nos colectivos prioritarios para a Xunta: mulleres, menores de 30 anos, maiores de 44 anos e nos parados de longa duración.

O emprego de calidade, ademais, en palabras de Lado, creceu, xa que a contratación indefinida aumentou nun 20,67% (+1.067 contratos), a un ritmo moi superior ao reflectido na contratación temporal (+3,71%). A tempo completo tamén medrou, nun 8,50%, mentres que diminuíu o número de contratos a tempo parcial (-3,80%). A contratación en xeral crece en Galicia nun 5,23%, mentres que no Estado diminúe nun -3,89%.

Con respecto á comparativa anual, a responsable de Formación e Colocación apuntou que pese ao incremento do paro nun 10,87%, Galicia continúa en niveis de paro inferiores a hai 12 anos. Lembrou que en xaneiro de 2009 o aumento foi máis do dobre. Destacou que o paro crece en todas as comunidades autónomas e na media estatal aumenta o dobre (+21,84%) que en Galicia.

Así, Lado apuntou que o mercado laboral galego está a resistir á Covid-19 grazas á estabilidade de Galicia, recordando que os últimos datos da EPA reflectiron que Galicia pechou 2020 con menos paro e máis emprego indefinido. De feito, tres de cada catro asalariados galegos son indefinidos. Indicou que unha das principais preocupacións do Goberno galego, ademais de loitar contra a pandemia, para que se rexistre o menor número posible de contaxios, é a situación laboral dos galegos e galegas. Por iso, afirmou que a Administración autonómica está a traballar coa maior dilixencia posible para que cada medida restritiva que é preciso adoptar para loitar contra a pandemia estea acompañada de apoios económicos directos para intentar manter o emprego en Galicia.

160 millóns en 90 días

Ao respecto, afirmou que a Xunta ten mobilizados160 millóns de euros en 90 días para axudar, a través do Plan de rescate, a autónomos, microempresas e hostaleiros. Aos 86,2 millóns xa activados sumaranse 75 millóns do segundo Plan este mes de febreiro. “Traballamos para poñer a disposición dos sectores máis afectados as axudas para que cheguen rápido, a máis persoas e con menos requisitos”, engadiu.

Lado lembrou que a Xunta está a adoptar medidas desde o primeiro momento co único obxectivo de axudar ás familias con máis dificultades. Así, ademais de deseñar, tramitar e pagar os apoios en tempo récord, está a axilizar a tramitación dos Erte, un proceso que non supera os cinco días desde a presentación dos expedientes, facilitando, deste xeito, o acceso ás prestacións aos traballadores e traballadoras.

Así mesmo, resaltou que a Xunta está a facer fincapé na formación, flexibilizando e adaptando os cursos ao novo contexto e apostando pola teleformación, ao tempo que se están a estudar os novos nichos do mercado de traballo para apostar desde xa polos empregos de futuro.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM