Galicia lidera unha estratexia de formación sobre tecnoloxías para o sector naval e as enerxías mariñas renovables

O Centro Tecnolóxico do Mar organiza un taller para validar o traballo desenvolvido ata agora nesta materia por máis de 175 expertos no marco do proxecto europeo Mates, que coordina o organismo galego
Publicado por o día 24/05/2019 na sección de Galicia,Formación,Vigo

Galicia lidera unha estratexia de formación sobre tecnoloxías para o sector naval e as enerxías mariñas renovables

A Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar), dependente da Consellería do Mar, e os seus socios no proxecto europeo Mates buscan pechar a brecha existente entre a formación dos profesionais da construción naval e das enerxías mariñas renovables e as necesidades da industria destes sectores. Precisamente, para dar conta dos primeiros resultados obtidos no desenvolvemento deste traballo, o consorcio celebra un taller o vindeiro martes en Bruxelas.

Coa colaboración de máis de 175 expertos en diferentes ámbitos, o grupo investigador vén traballando desde xaneiro de 2018 no deseño dunha estratexia a longo prazo que propicie a mellora e a innovación na formación e na adquisición de capacidades dos futuros profesionais dos sectores de referencia. O taller está dirixido a profesionais dos sectores da construción naval e das enerxías mariñas renovables, tanto do eido da industria, como da educación ou da administración pública

Os resultados deste primeiro ano de traballo analizan a influencia dos avances tecnolóxicos e as necesidades do mercado laboral sobre o sector marítimo, e en particular como inflúe este contexto na demanda de novas capacidades e innovacións na maneira de impartir formación. Ademais, propoñen unha serie de liñas de acción para a cadea de valor dos dous sectores de referencia do proxecto que permitan adecuar as capacidades dos traballadores ás necesidades emerxentes. En todo o proceso abórdanse aspectos relativos ás tecnoloxías dixitais, tecnoloxías verdes, xestión da innovación, perspectiva de xénero, cultura oceánica, gobernanza así como estándares europeos da formación profesional.

As liñas de acción que se validen neste taller, para o que a inscrición é gratuíta e pode facerse a través deste enlace, serán testadas a través de diferentes experiencias piloto desenvolvidas polo Cetmar e os seus socios en distintos puntos de Europa co obxectivo de mellorar a calidade da formación actual, adecuala ás necesidades futuras e explorar novas formas de adquisición de capacidades.

O proxecto prevé o desenvolvemento de 11 experiencias piloto nas que se probarán formacións adaptadas ás necesidades emerxentes, como a industria 4.0, materiais en formatos innovadores (tanto para o seu uso na aula como en contextos de aprendizaxe informal) e simulacións de espazos industriais para o seu uso con fins didácticos.

O proxecto Mates (Alianza marítima para promover a economía azul europea a través dunha estratexia de capacitación en tecnoloxía mariña) conta cun orzamento de 4,9 millóns de euros, está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea e finalizará en decembro de 2021.