Galicia participa no deseño das axudas estatais para mellorar os viveiros e os centros de limpeza de transporte de gando e xestionará estas achegas

A medida, coordinada e financiada polo Ministerio de Agricultura, servirá para reforzar os sistemas de capacitación e bioseguridade nestas instalacións

Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, participa no deseño e desenvolvemento da medida coordinada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) de reforzamento dos sistemas de capacitación e bioseguridade en viveiros e centros de limpeza e desinfección de transporte de animais.

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Impulso da sustentabilidade e competitividade da agricultura e a gandaría, incluído á súa vez no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e servirá para fomentar a mellora de centros e viveiros existentes, ou para a construción de novos puntos, no caso da limpeza e desinfección do transporte de gando.

Técnicos do Departamento que dirixe José González reuníronse esta semana por videoconferencia con responsables do Mapa para avanzar nesta medida, que conta cun orzamento -no total nacional- de 38 millóns de euros, dos que unha metade será para viveiros e a outra para centros de limpeza e desinfección. Os fondos distribuiranse ao longo de tres anos, no período 2021-2023. As comunidades autónomas -neste caso a Xunta- levarán a cabo a xestión e o pago das axudas tras a aprobación do correspondente reparto de fondos en Conferencia Sectorial e posterior acordo do Consello de Ministros.

Alta densidade gandeira

No deseño inicial destas axudas, no caso dos centros de limpeza e desinfección de gando, poderanse solicitar achegas para a mellora de centros existentes ou para a construción de novos. Darase prioridade aos centros que estean nas áreas de alta densidade gandeira ou en zonas de montaña, e terán tamén prioridade aqueles centros que prestan servizos a terceiros, antes que os de uso restrinxido.

No que atinxe aos viveiros, serán subvencionables a instalación e modernización de estruturas e mallas nos invernadoiros de produción de material vexetal, para protexerse fronte a insectos vectores de pragas de corentena, e a instalación de estruturas adicionais (dobre porta, borde exterior perimetral, etc).

As comunidades autónomas teñen de prazo ata o vindeiro día 15 de febreiro para facer aportacións en relación ao borrador de Real decreto que está a preparar o Ministerio para regular estas axudas, e a partir do cal cada autonomía terá que desenvolver a súa correspondente orde reguladora.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM