Galicia participará na conferencia de alto nivel sobre o futuro da PAC que terá lugar a próxima semana en Madrid

A conselleira do Medio Rural trasladará o luns as propostas que dende a comunidade autónoma se queren incorporar á nova Política Agraria Común
Publicado por o día 25/03/2017 na sección de Alimentación,Eventos,Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia

Galicia participará na conferencia de alto nivel sobre o futuro da PAC que terá lugar a próxima semana en Madrid

Galicia estará presente na conferencia de alto nivel sobre o futuro da Política Agraria Común (PAC) en Europa que organiza o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente coa que se abrirá o debate sobre a PAC a partir do 2020. Será a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Agricultura, Gandaría e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, a que represente a Galicia neste evento e quen amose a postura da nosa comunidade.

Ademais de asistir a todas as comparecencias que terán lugar o luns 27 e martes 28 no CaixaForum de Madrid, Ángeles Vázquez trasladará as propostas que dende Galicia se queren incorporar á PAC. Será no debate sobre Unha política agrícola común adaptada aos retos da agricultura española e no que tamén participarán Andalucía, Castilla-La Mancha, Castilla y León e Cataluña. O resto de comunidades están convocadas para sesións posteriores.

Así, Galicia súmase ao obxectivo de simplificar e modernizar a PAC a partir do ano 2020 e pon como obxectivo primordial a fixación de poboación no rural, xa que este é un dos retos marcados pola Xunta para esta lexislatura. Dende o Goberno galego entendemos que é imprescindible a remuda xeracional e apostar polos mozos. Para iso, a PAC ten que velar polo establecemento dunha renda básica agraria acorde á urbana, facilitar a incorporación aos máis novos e, en xeral, facer atractivo o rural.

Coa súa intervención, Ángeles Vázquez tratará de marcar posicións e destacar que Galicia é unha gran produtora a nivel nacional e europeo, polo que é preciso reforzar o seu peso na toma de decisións. Segue concentrando o 40% da produción láctea en España e o 55% dos gandeiros. A importancia da PAC para Galicia queda demostrada en cifras. A actual convocatoria de axudas sitúase nos 190 millóns, que benefician a uns 33.000 galegos.

En definitiva, a intención desta conferencia a nivel nacional e europeo (contará coa presenza do comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Phil Hogan) é analizar a actual política e comezar a traballar para chegar a un posicionamento consensuado entre todas as comunidades que, a partir de 2020, poida defender o Ministerio diante dos demais países europeos.

Cartaz