Galicia pecha 2016 cunha caída do 10% do paro

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do desemprego salientando que a baixada do 10%, o que supón 22.894 persoas menos, é a maior caída interanual desde o inicio da crise.
Publicado por o día 04/01/2017 na sección de Emprego,Vigo,Xunta de Galicia

Galicia pecha 2016 cunha caída do 10% do paro

Galicia pechou o 2016 con 22.894 galegos e galegas menos nas listas do paro, é dicir, cun 10% menos de desemprego que hai un ano, o que supón a maior caída interanual desde o inicio da crise (decembro 2007).

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado salientando que Galicia está consolidando a súa recuperación económica porque o ano acabou con menos paro e cun crecemento nas afiliacións á Seguridade Social e na contratación indefinida e a tempo completo.

Toca indicou que a contratación en xeral medrou en 2016 nun 7,55% e detallou que a indefinida creceu nun 9,85% e a tempo completo nun 8,69%, é dicir, que seis de cada dez contratos firmados en Galicia en 2016 foron a xornada completa.

Con respecto ás afiliacións, apuntou que seguen aumentando. Creceron un 1,86% con respecto a 2015, o que supón 17.613 afiliacións máis. “Xa son 33 as subidas consecutivas, desde abril de 2014, nas que Galicia rexistra unha interanual positiva”, engadiu Toca.

Sinalou, así mesmo, que por cuarto ano consecutivo logra reducirse o número de persoas sen emprego nun mes de decembro, datos que sitúan á Comunidade galega en niveis inferiores aos de hai 7 anos. “Galicia rexistra máis de 3 anos de baixadas de paro consecutivas na evolución anual”, subliñou.

A responsable de emprego explicou, ademais, que Galicia sigue presentando un mellor comportamento que a media do Estado situándose o crecemento medio punto por enriba (na media estatal baixa nun -9,54% fronte ao -10,01% de Galicia), e que 2016 rematou con menos paro nas principais variables: nas catro provincias, as 7 grandes cidades, todos os sectores, tramos de idade e tanto en homes como en mulleres, así como nos colectivos prioritarios cos que traballa o Goberno galego para reducir o paro.

En canto ás provincias, detallou que a de Lugo lidera a baixada con respecto a decembro de 2015 (-10,56%), seguida da Coruña (-10,41%), Ourense (-9,95%) e Pontevedra (-9,48%) e sobre os sectores de actividade, apuntou que o desemprego diminuíu en todos eles, liderando o descenso con respecto a hai un ano a construción nun -16,96%, seguido da industria cun -11,62%.

Colectivos prioritarios

Toca, ademais, salientou que o número de persoas sen emprego diminuíu nos colectivos prioritarios cos que traballa a Xunta para reducir o desemprego como son os menores de 30 anos (-15,97%), os parados de longa duración (10,86%) e as mulleres (8,54%). Neste senso, salientou que a Comunidade rexistra a metade de mozos desempregados menores de 30 anos que en 2009 (ao inicio da primeira lexislatura) e que case a metade das persoas que saíron do desemprego nos últimos 12 meses eran parados de longa duración.

A secretaria de Emprego valorou tamén a subida intermensual do paro destacando que subiu nun 1,16%, a menor subida dos últimos 3 anos. Apuntou, ao respecto, que o incremento do paro no mes de decembro é un xeito habitual. Explicou que é unha situación que vense repetindo de xeito ininterrompido desde o inicio da serie histórica (1996). “É un aumento que, polo tanto, ten lugar independentemente da marcha do ciclo económico”, subliñou.

Previsións 2017

Por último, a secretaria xeral de Emprego apelou a seguir sendo prudentes, aínda que indicou que as previsións para 2017 son boas, un ano no que o Goberno galego estima que é posible a creación de 20.000 novos postos de traballo.

Para iso, os orzamentos seguen dando prioridade ao emprego cun incremento para o ano 2017 de máis dun 15%. Ao respecto, lembrou que o Goberno galego destina este ano 44,6M€ a incentivar a contratación, en especial das mulleres, mozos e colectivos máis desfavorecidos e aposta de xeito decidido por mellorar as capacidades dos galegos e galegas para atopar un traballo, incrementando nun 21,6% os programas de formación. Tamén lembrou que a Xunta centra as súas prioridades nos autónomos, incrementando os apoios nun 60% para convertelos “nos protagonistas da consolidación do crecemento”.