Galicia pecha outubro cunha baixada do paro do 10,42% con respecto a 2015 rexistrando o maior descenso neste mes desde 1996

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, sinalou hoxe que a Comunidade remata outubro con 23.152 desempregados menos que hai un ano.
Publicado por o día 04/11/2016 na sección de Emprego,Vigo,Xunta de Galicia

Galicia pecha outubro cunha baixada do paro do 10,42% con respecto a 2015 rexistrando o maior descenso neste mes desde 1996

Galicia pechou o mes de outubro cun total de 198.940 persoas desempregadas, o que supón que o paro baixa con respecto a hai un ano nun -10,42%. É dicir, Galicia conta hoxe con 23.152 desempregados menos que en 2015, o que supón xa 3 anos de baixadas consecutivas e é o maior descenso producido en termos porcentuais nun mes de outubro en comparación co ano anterior de toda a serie histórica, é dicir, desde 1996.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos salientando que o Goberno galego está a traballar para afianzar esta evolución e seguir creando emprego estable e de calidade.

A responsable de Emprego apuntou que con respecto a hai un ano descende o número de persoas en paro nas principais variables: nas catro provincias, as 7 grandes cidades, todos os sectores, tramos de idade e tanto en homes como en mulleres. Con respecto á comparativa co Estado, a Comunidade presenta un comportamento mellor que a media en termos interanuais, situándose 0,57 puntos por enriba (na media estatal baixa nun -9,85% fronte ao -10,42% de Galicia).

En canto ás provincias, detallou que a de Pontevedra lidera a baixada con respecto a outubro de 2015 (-10,77%), seguida de Lugo (-10,38%), A Coruña (-10,32%) e Ourense (-9,54%) e sobre os sectores de actividade, apuntou que o desemprego diminuíu en todos eles, liderando o descenso con respecto a hai un ano a construción nun -17,23%, seguido da industria cun -12,87%. Toca, ademais, salientou que o número de persoas sen emprego acadou un descenso do -15,89% entre os menores de 30 anos con respecto ao ano pasado e do -10,78% entre os parados de longa duración.

A secretaria xeral de Emprego valorou, así mesmo, os datos das afiliacións á Seguridade Social destacando que o crecemento estase a consolidar, xa que aumentan con respecto a hai un ano nun 2,14% sendo xa 31 as subidas consecutivas, desde abril de 2014.

Con respecto ao mes pasado, o paro rexistrado subiu nun 2,37% concentrándose o incremento fundamentalmente nos sector servizos e na agricultura e pesca. Toca explicou que as subidas do paro no mes de outubro se producen de xeito habitual resaltando que o aumento producido este mes con respecto a setembro é, sen embargo, o menor producido en toda a serie histórica en termos porcentuais, desde 1996.

Por último, a secretaria xeral de Emprego indicou que hai que ser prudentes, pero que Galicia continúa coa tendencia positiva e a Comunidade rexistra hoxe menos parados que hai 7 anos. “No Goberno galego continuamos traballando para que a ocupación a tempo completo e os asalariados con contrato indefinido sigan crecendo”, rematou.