Galicia pechou o primeiro trimestre do ano como a comunidade que paga antes as súas facturas, segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda

O informe oficial publicado hoxe indica que o período medio de pago en Galicia é de 14,5 días, menos da metade que a media autonómica (35 días)
Publicado por o día 22/05/2020 na sección de Economía,Galicia

Galicia pechou o primeiro trimestre do ano como a comunidade que paga antes as súas facturas, segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda

O Ministerio de Facenda vén de indicar que Galicia é a comunidade autónoma que mellor pagou as súas facturas ao peche do primeiro trimestre do ano, tal como mostran os datos do Informe mensual sobre plazos de pago a proveedores y deuda comercial de las Comunidades Autónomas publicado hoxe.

O período medio de pago (PMP) de Galicia ao peche do primeiro trimestre situouse en 14,51 días, o que supón o tempo máis baixo das 17 comunidades autónomas. Pola contra, este indicador ascendeu a 34,98 días na media autonómica, o que confirma que Galicia pagou de media as súas facturas en menos da metade de tempo que o conxunto das comunidades.

En canto á evolución da débeda comercial, os datos do informe elaborado polo Ministerio de Facenda tamén sitúan a Galicia como a comunidade autónoma con menor débeda comercial de España ao peche do primeiro trimestre.

A ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no mes de marzo no 0,12%, a máis baixa de toda España e inferior á media autonómica, que foi do 0,41%. Ao peche do mes de marzo, a débeda comercial do conxunto das comunidades autónomas era de 4.575,5 millóns de euros, dos que 70 millóns –o 1,5% do total- corresponden a Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.