Galicia pechou o primeiro trimiestre cun superávit contable do 0,03%, segundo os datos do Ministerio de Facenda

Galicia é unha das cinco CC.AA. que rexistra superávit ata marzo
Publicado por o día 28/05/2019 na sección de Economía,Xunta de Galicia

Galicia pechou o primeiro trimiestre cun superávit contable do 0,03%, segundo os datos do Ministerio de Facenda

A Comunidade Autónoma de Galicia pechou o primeiro trimestre de 2019 cun superávit contable do 0,03%, mentres que a media autonómica rexistrou un déficit do 0,1%, segundo recollen os últimos datos publicados hoxe polo Ministerio de Facenda, correspondentes ao mes de marzo.

En concreto, Galicia rexistrou no peche do mes de marzo un superávit contable de 21 millóns de euros, mentres que o déficit do conxunto das administracións autonómicas situouse en 1.234 millóns.

Os datos do Ministerio de Facenda mostran que Galicia é unha das cinco comunidades que rematou o primeiro trimestre do ano con superávit contable. As outras administracións autonómicas que tamén rexistraron capacidade de financiamento son Asturias (0,3%) e A Rioxa (0,1%), xunto ás dúas comunidades forais: Navarra (0,61%) e País Vasco (0,45%).

Galicia é unha das comunidades autónomas de referencia no cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria, tal como mostran as cifras oficiais do Ministerio de Facenda, que ratifican que Galicia volveu estar en 2018 entre as comunidades que conseguiron cumprir os obxectivos de déficit, débeda pública e regra de gasto, ao tempo que foi a comunidade que mellor pagou aos seus provedores.