Galicia pide ao Goberno central que non desmantele o Instituto Español de Oceanografía integrándoo no Consello Superior de Investigacións Científicas

A conselleira do Mar en funcións puxo en valor o labor fundamental do IEO na toma de decisións sobre a xestión das pesqueiras a na defensa dos intereses da frota galega e española ante as institucións europeas
Publicado por o día 22/07/2020 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

Galicia pide ao Goberno central que non desmantele o Instituto Español de Oceanografía integrándoo no Consello Superior de Investigacións Científicas

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, destacou hoxe o gran valor que ten para Galicia o Instituto Español de Oceanografía (IEO), un organismo que é vital para os intereses do sector marítimo-pesqueiro, e pediu ao Goberno central que non o desmantele ao tempo que lamentou a decisión de integralo no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A representante do Executivo galego subliñou que se trata dunha nova triste para Galicia, “para os investigadores que traballan no IEO, para todo o sector pesqueiro e para as persoas que temos responsabilidade de xestión”.

Nesta liña, a titular do Mar en funcións puxo en valor o labor fundamental do IEO para a defensa dos intereses da frota galega e española ante as institucións europeas pois a aportación de informes que avalen o estado dos recursos é transcendental na toma de decisións sobre a xestión das pesqueiras. Tamén é esencial, engadiu, “para o propio sector, que necesita ao seu carón científicos que fagan valoracións sobre o estado de saúde no que se atopan as pesqueiras que constitúen o seu medio de vida”.

Polo tanto, a Xunta defende a necesidade de reforzar o centro e de apostar pola investigación mariña como medidas clave para impulsar o sector marítimo-pesqueiro español e a importante industria dependente del. Neste sentido, a Administración galega xa trasladara ao Executivo central a súa preocupación pola situación do instituto cando tivo coñecemento de que as súas capacidades se estaban vendo sensiblemente afectadas. Fíxoo en sendas misivas que Rosa Quintana enviou ao ministro de Agricultura Pesca e Alimentación, Luis Planas, e ao de Ciencia, Pedro Duque, así como a través dunha comunicación do presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, co presidente do Executivo central para tratar especificamente este asunto.

O Goberno galego considera necesario o compromiso e a implicación real da Administración central nesta cuestión co obxectivo de reverter a situación do IEO, pois é un centro estratéxico para o desenvolvemento da investigación mariña en España e que conta con máis de cen anos de historia. Un compromiso, aseverou Rosa Quintana, que é vital para apuntalar a investigación mariña, especialmente daquelas accións que teñen que ver co seguimento do estado das especies pesqueiras e á súa vez para permitir que Galicia manteña a competitividade da actividade marítimo-pesqueira.

Comentar noticia

Your email address will not be published.