Galicia pon en marcha o Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu esta mañá o Pleno do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero, onde se aprobou o protocolo
Publicado por o día 10/07/2017 na sección de Xunta de Galicia

Galicia pon en marcha o Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a nosa Comunidade pon xa en marcha o Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero, con propostas para sensibilizar en violencia de xénero, incluíndo tamén protocolos de actuación en todos os ámbitos, dende o educativo, o sanitario, o xurídico ata o social.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu esta mañá o Pleno do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero, ao que tamén asistiron o delegado do goberno, Santiago Villanueva; o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, así como a Fegamp e asociacións de mulleres, onde se aprobou o Protocolo de coordinación e cooperación institucional contra esta lacra. Precisamente, Rueda incidiu na importancia da implicación de todas Administracións e de toda a sociedade para rematar coa Violencia de Xénero.

O protocolo contará cun mapa de recursos, dispoñible na Internet, coa finalidade de ofrecer información útil ás mulleres que poidan sufrir violencia de xénero, con datos de todos os recursos que teñen ao seu dispor, como os Centros de Información á Muller ou o Centro de Recuperación Integral de Vítimas.

Outro dos puntos que se trataron no seo do pleno foi o documento sobre a voz das vítimas, un documento para saber onde se debe incidir e como se pode mellorar a atención ás vítimas. No documento recóllense unha serie de propostas de recomendacións de mellora, tanto a nivel de prevención ou sensibilización, como a nivel específico nas áreas sanitaria, policial, xurídica ou social. Estas propostas foron recollidas directamente con mulleres que sufriron unha situación de violencia de xénero, e elas mesmas foron as que propuxeron as melloras no proceso de atención e intervención na violencia de xénero.

O terceiro punto do pleno recolleu o resultado dos estudos do grupo da Área de sensibilización e prevención, que estaba enfocado á abordaxe da violencia de xénero coa mocidade desde o ámbito educativo, e que elaborou un documento sobre boas prácticas no fomento da igualdade entre mulleres e homes no eido educativo. Ademais, realizáronse achegas nos contidos da materia de libre configuración Igualdade de xénero, implantada xa no curso académico 2016-2017, así como ao I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020. Ademais, neste mesmo eido, na reunión presentouse o decreto sobre formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero da totalidade do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que será aprobado polo Consello da Xunta.

Tamén se informou da labor da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista, que deu conta das denuncias recibidas na Secretaría Xeral da Igualdade e das accións emprendidas ao respecto, así como da Guía de indicacións para detectar o sexismo na publicidade, que foi elaborada pola comisión e que foi distribuída a axencias de publicidade, medios de comunicación, centros educativos e entidades locais, entre outros.

O Pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, é o órgano encargado do estudo, avaliación e seguimento das políticas contra a violencia de xénero que se desenvolven en Galicia e do que forman parte distintos departamentos da Xunta de Galicia, a Delegación do Goberno, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Fiscalía Superior de Galicia, a Fegamp e asociacións de mulleres.