Galicia presenta a súa oferta turística 2019 en Catalunya, un dos mercados emisores máis importantes da Comunidade Galega

Cultura e Turismo presenta as novidades do destino no Salón B Travel que se celebra desde hoxe e durante a fin de semana en Barcelona
Por o 22/03/2019 | Sección: Turismo,Xunta de Galicia
Galicia presenta a súa oferta turística 2019 en Catalunya, un dos mercados emisores máis importantes da Comunidade Galega

Un ano máis, a oferta turística galega promóvese esta fin de semana en Catalunya, que ao longo do ano 2018 se situou como un dos mercados emisores nacionais máis importantes para a Comunidade galega, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste xeito, para incentivar aínda máis este fluxo de viaxeiros de Catalunya, a Xunta de Galicia participa cun recinto de promoción propio na IV edición do Salón B-Travel, herdeiro do Salón Internacional de Turismo de Cataluña (SITC) que se celebrou durante 24 anos no recinto da Fira de Barcelona. Cultura e Turismo conta cun expositor de deseño cunha superficie de 104 metros cadrados, coa fin de dar a coñecer a experiencia turística galega, a través dos distintos produtos que ofrece o noso territorio.

No espazo destaca a promoción do Parque Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Ribeira Sacra e a cidade de Ferrol como espazos candidatos a Patrimonio da Humanidade, e dous módulos dedicados ao Camiño de Santiago e á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, este último para reforzar a promoción do turismo de natureza. No expositor ofreceranse ademais degustacións de viños das cinco denominacións de orixe e produtos gastronómicos galegos.

Deste xeito, neste certame, o organismo autonómico de promoción turística ten moi presente a promoción da Ruta Xacobea entre os cataláns, coa vista posta na celebración do Xacobeo 2021, así como a enogastronomía e os produtos turísticos relacionados coa costa e o interior de Galicia. O Salón B Travel constitúe unha das plataformas turísticas máis importantes da oferta e os servizos turísticos no ámbito nacional e un importante reforzo para a promoción do turismo galego en Cataluña, o quinto mercado nacional –á marxe dos viaxeiros galegos- que aportou máis turistas o ano pasado, segundo o INE.

Comentar noticia

Your email address will not be published.