Galicia presenta en Suiza e Francia a súa capacidade e atractivo como destino para o turismo de congresos, eventos e negocios

A Xunta participa nun workshop de cinco xornadas nas cidades de Lyon, Lausanne e Zúrich onde mantén reunións con operadores turísticos especializados do sector
Publicado por o día 30/08/2018 na sección de Turismo

Galicia presenta en Suiza e Francia a súa capacidade e atractivo como destino para o turismo de congresos, eventos e negocios

Galicia presenta durante toda esta semana a súa capacidade e o seu atractivo como destino de turismo de congresos, eventos e negocios, o denominado sector MICE. O departamento de Turismo da Xunta participa nun workshop de M&I Fórums especializado no mercado francés e suízo. Ao longo de cinco xornadas de traballo, persoal técnico autonómico mantén reunións con operadores turísticos nas cidades de Lyon, Lausanne e Zúrich co fin de amosar o potencial galego neste eido.

A Comunidade dispón de infraestruturas e recursos para acoller este tipo de actividades, un nicho de mercado que encaixa co modelo impulsado pola Estratexia do turismo de Galicia 2020. A isto súmase a aposta pola excelencia como manifestan, entre outros parámetros, o liderado en Q de Calidade Turística, con 273 establecementos e servizos certificados.

O turismo MICE vincúlase a outros segmentos como o turismo urbano ou o enogastronómico nos que Galicia está a desenvolver o seu potencial como modelo de turismo slow. Neste sentido, preséntase como destino prioritario do chamado turismo bleisure, que combina os negocios co tempo de ocio, un termo xurdido dos vocábulos ingleses business e leisure.

Gasto e desestacionalización

A Estratexia do turismo de Galicia 2020, documento consensuado co sector que aposta por un turismo de calidade e responsable, conta cunha liña específica para o turismo MICE. Isto mostra a importancia que ten para o Goberno galego, consciente da capacidade de gasto deste perfil de viaxeiro e a súa influencia na desestacionalización. Esta potencialidade está avalada pola capacidade hoteleira da Comunidade, os seus palacios de congresos e feiras, conexións aéreas ou empresas especializadas. A estes factores únese unha contorna e unha oferta recoñecida pola súa paisaxe, enogastronomía, termalismo ou patrimonio.