Galicia, primeira comunidade autónoma que detecta en España a presenza da variante sudafricana da COVID19 en Vigo

Os servizos de Medicina Preventiva e de Microbioloxía do CHUVI detectaron esta variante nun home da Área Sanitaria de Vigo ao seu regreso dunha viaxe a Sudáfrica

O Servizo Galego de Saúde vén de detectar a presenza da cepa surafricana en Vigo, sendo así a primeira comunidade española en conseguir detectar esta variante da covid-19.

Os servizos de Medicina Preventiva e de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo detectaron este virus nun varón de 30 anos desta Área Sanitaria, vinculado á industria do naval e que viaxara a Sudáfrica por motivos laborais. Ao seu regreso dese país referiu síntomas compatibles co virus.

Grazas á capacidade de rastreo do servizo de Medicina Preventiva, liderado polo doutor Víctor del Campo, decidiuse proceder á secuenciación do virus nos laboratorios de Microbioloxía do hospital Meixoeiro. O pasado 5 de xaneiro confirmouse a presencia desta cepa, coñecida como B.1.351 clado 20C/501Y.V2, e comunicouse ao rexistro internacional GISAID.

Segundo explica o xefe do servizo de Microbioloxía, Benito Regueiro, “este achado pon en valor a capacidade do sistema sanitario galego para realizar análises completas e sofisticadas do virus. Ademais, contribuirá á unha correcta identificación e mellor control epidemiolóxico, xa que nos ten descuberto as súas vías de entrada en Galicia; será necesario realizar unha vixilancia especial nos portos e na chegada de viaxeiros a través das nosas fronteiras”.

Secuenciación

A secuenciación xenética completa do virus é unha técnica de elevado nivel de especialización, que foi realizada pola doutora Sonia Pérez e o seu equipo de técnicos de laboratorio do Hospital Meixoeiro, utilizando ferramentas bioinformáticas moi sofisticadas.

Trátase dun proceso complexo e laborioso, no que é necesario empregar 4 días para a obtención de resultados. Na actualidade, o Chuvi conta con capacidade para secuenciar 36 mostras semanais.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM