Galicia promove os seus produtos do agro e do mar no Fórum Gastronómico da Coruña

As conselleiras Ángeles Vázquez e Rosa Quintana visitaron hoxe este evento para apoiar as empresas da nosa comunidade presentes nesta edición
Por o 13/03/2017 | Sección: A Coruña,Eventos,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
Galicia promove os seus produtos do agro e do mar no Fórum Gastronómico da Coruña
Compartir en:

A Xunta, a través das consellerías do Medio Rural e do Mar, fai promoción dos produtos agroalimentarios e marítimos de Galicia no marco do Fórum Gastronómico que se celebra na Coruña dende onte domingo e ata mañá martes. As titulares de ambos departamentos, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana, visitaron hoxe este evento para apoiar coa súa presenza a posta en valor destas producións de calidade.

A Consellería do Medio Rural está presente nesta edición do Fórum xunto con 24 empresas coexpositoras do agro galego, ocupando un espazo de 144 metros cadrados. As entidades participantes pertencen a diferentes subsectores, tales como horta, lácteos, carne e viño. Ademais, faise promoción do leite de calidade diferenciada “Galega 100%”.

Medio Rural organizou tamén diferentes actividades centradas na difusión dos valores gastronómicos dos nosos produtos agrogandeiros. Así, onte domingo tivo lugar unha presentación de queixos galegos con indicativo de calidade a cargo dos chefs Kike Piñeiro e Eloi Cancela, que maridaron estes produtos con grelos, mel de Galicia e lacón galego, regados cos viños premiados como mellor branco (Ramón do Casar) e mellor tinto (Ladairo, colección de familia) nas catas dos viños de Galicia 2016.

Ambos viños estiveron presentes hoxe no obradoiro dirixido polo cociñeiro Javier Rodríguez Ponte “Taky”e que estivo centrado na Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, con cortes alternativos desta carne, pouco ou nada utilizados, con resultados culinarios sorprendentes. Tamén combinou a tenreira con outros produtos, coma os queixos, a pataca, o mel ou a castaña.

Pola súa banda, a Consellería do Mar está presente con 10 empresas e entidades coexpositoras, principalmente do sector da transformación de produtos do mar, ocupando unha superficie de 244 m2. Ademais a Consellería do Mar organiza diferentes degustacións de receitas elaboradas de peixes e mariscos.

De feito, hoxe, o stand que comparten as Consellerías do Medio Rural e do Mar albergou unha degustación de lamprea, con receitas elaboradas por José Mallón, do restaurante Dantaño, de Ames. Tamén acollerá unha cata de receitas de produtos procedentes da pesca costeira artesanal e amparados polo selo pescadeRías, a cargo do cociñeiro Miguel Mosteiro, de Chicolino Restauración, en Boiro.

Pola tarde, este mesmo cociñeiro realizará outra degustación con receitas do programa O sabor de aventura está no mar para dalo a coñecer entre os asistentes e José Mallón elaborará receitas a base de conservas. As conservas de peixe e marisco tamén serán ás protagonistas dunha degustación de Anfaco-Cecopesca na sala Ágora con receitas elaboradas pola cociñeira Inés Abril, do restaurante Maruja Limón, de Vigo.