Galicia proporá mañá no Consejo Jacobeo un protocolo de medidas sanitarias específico para o Camiño de Santiago

A Xunta compartirá co Goberno e o resto de comunidades o traballo en marcha para converter o Xacobeo 2021 nunha ferramenta de reactivación económica
Publicado por o día 03/05/2020 na sección de Turismo,Xunta de Galicia

Galicia proporá mañá no Consejo Jacobeo un protocolo de medidas sanitarias específico para o Camiño de Santiago

Galicia proporá mañá no Consejo Jacobeo contar cun protocolo de medidas sanitarias específico para o Camiño de Santiago, unha proposta na que a Comunidade xa ten avanzado da man do Instituto da Calidade Turístico Española (ICTE) e á que convidará a sumarse a todos os territorios polos que discorre a Ruta Xacobea co obxectivo de traballar de xeito conxunto.

A Comisión Executiva do Consejo Jacobeo, órgano de coordinación entre o Goberno central e as comunidades autónomas, reunirase por vía telemática despois de que así fose solicitado pola Xunta de Galicia ao Goberno central o pasado 13 de abril. Desde entón, mantivéronse encontros con numerosos colectivos dunha quincena de países dos cinco continentes co fin de recoller as súas achegas coa máxima axilidade e detalle.

Os representantes da Consellería de Cultura e Turismo exporán os pasos que se están a dar desde Galicia para traballar na reactivación do Camiño e na reconfiguración do Xacobeo 2021 e reiterarán a petición de ampliar as desgravacións fiscais polo Ano Santo durante todo o 2022, unha medida que polo de agora abarca só ata o 30 de setembro de 2021. Prolongar os seus efectos como acontecemento de excepcional interese público estimularía os recursos privados e multiplicaría a súa repercusión.

Grupos de expertos e estudo coa USC

Sobre o labor impulsado desde Galicia, atópase a creación dun grupo de expertos que se reunirá por primeira vez esta mesma semana. Estará composto por membros de todos os colectivos implicados como as asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a administración local, ademais de expertos do ámbito económico, cultural e turístico da Comunidade, entre outros. Froito da súa análise, elaborarán unha folla de ruta que permita reorientar o Xacobeo 2021 para que sexa un motor de reactivación económica que favoreza a dinamización do rural e potencie as industrias cultural e turística.

Vencellado a este grupo, a Xunta traballa xa coa Universidade de Santiago, a través do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), na elaboración dun estudo sobre o impacto da crise sanitaria no Camiño, unha ferramenta indispensable que orientará as políticas de reactivación ante a oportunidade que supón o Xacobeo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.