Galicia recupera o liderado e volve ser a comunidade que paga antes as súas facturas, segundo os datos oficiais de abril

O período medio de pago de Galicia en abril foi de 14,2 días, o máis baixo de España, fronte aos 34,9 días da media autonómica
Publicado por o día 25/06/2019 na sección de Economía,Galicia

Galicia recupera o liderado e volve ser a comunidade que paga antes as súas facturas, segundo os datos oficiais de abril

Galicia vén de recuperar o liderado no eido do pagamento a provedores, xa que é a comunidade autónoma que pagou con máis axilidade as súas facturas no mes de abril, segundo reflicte o último informe sobre ‘Prazos de pago a provedores e débeda comercial das Comunidades Autónomas’, publicado hoxe polo Ministerio de Facenda.

En concreto, o período medio de pago en Galicia reduciuse a 14,2 días, o máis baixo de toda España, mentres que a media autonómica aumentou ata os 34,9 días. Os datos oficiais da Administración do Estado mostran tamén que este indicador en Galicia mantívose 15,8 días por debaixo do límite que establece a normativa estatal, que é de 30 días.

En canto á débeda comercial, os datos do informe elaborado pola Secretaría de Estado de Facenda sitúan a Galicia como a comunidade con menor débeda comercial de España. A ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no mes de abril no 0,10%, a máis baixa de toda España e inferior á media autonómica, que foi do 0,33%. Ao peche do mes de abril, a débeda comercial do conxunto das comunidades autónomas era de 4.079 millóns de euros, dos que 62 millóns –o 1,5% do total- corresponden a Galicia.

Galicia xa foi a comunidade líder no ano 2018 en axilidade no pagamento aos seus provedores, e neste 2019 conseguiu pechar o primeiro trimestre do exercicio en segunda posición. Agora, os datos oficiais mostran que Galicia recupera o liderado nesta materia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.