Galicia reduce o paro a niveis de hai unha década ao aumentar en 2018 as afiliacións en 20.659

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro do último ano e incidiu en que aínda que Galicia vai polo bo camiño hai que seguir impulsando medidas para crear máis e mellores postos de traballo
Por o 03/01/2019 | Sección: Emprego,Xunta de Galicia
Galicia reduce o paro a niveis de hai unha década ao aumentar en 2018 as afiliacións en 20.659

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado, que no último ano baixou en 15.718 persoas, é dicir, un 8,50% menos que en decembro de 2017, o que sitúa á Comunidade como a terceira na que máis descende o desemprego, mellorando a media estatal, que foi de -6,17%. Así Galicia leva un ano entre as catro Comunidades que máis reduciu o paro, mes a mes, na evolución interanual. Ademais, desde 2014 está logrando pechar a ano cun descenso do paro maior que no conxunto do Estado.

A Comunidade Autónoma sitúase a niveis de paro inferiores aos de hai 10 anos, sumando xa máis de seis anos de baixadas consecutivas, desde decembro de 2013. Neste tempo a cifra de paro descendeu en máis de 109.000 desempregados, é dicir, 2 de cada 5 parados abandonaron as listas do paro neste período. En palabras de Toca, “Galicia vai polo bo camiño pero temos que seguir traballando e impulsando medidas que favorezan a creación de máis e mellores postos de traballo e, ademais, dean resposta ao emprego que vén”.

A secretaria xeral de Emprego tamén destacou que, de xeito intermensual, Galicia logrou, por segunda vez en toda a serie histórica, un descenso do desemprego en decembro que se situou nun -0,63% con respecto ao mes de novembro.

En canto ás afiliacións, seguen aumentando en Galicia con respecto a hai un ano nun 2,1%, o que supón un total de 20.659 afiliados máis que en decembro de 2017 (56,6 ao día) e permite a Galicia encadear sete meses consecutivos superando o millón de afiliados ao alcanzar 1.006.107 cotizantes. Trátase do mellor dato nun mes de decembro desde o ano 2009, a última vez que se superara esta barreira.

Deste xeito, a secretaria xeral de Emprego indicou que a tendencia en Galicia é positiva e que a Comunidade vai camiño de conseguir o obxectivo da Axenda 20 xa que se recuperaron preto de 60.000 afiliacións nos últimos tres anos.

O paro baixa nas catro provincias galegas: A Coruña (-9,30%), Lugo (-8,93%), Pontevedra
(-8,76%) e Ourense (-4,17%) e nas sete grandes cidades. Descende tamén en todos os sectores, liderando esta caída a construción cun -17,51% menos de paro, seguida pola industria, cun -10,26%. O desemprego redúcese nos colectivos prioritarios destacando o descenso rexistrado nos parados de longa duración (-11,41%) o que ten permitido que 3 de cada 5 persoas que saíron do paro nos últimos 12 meses foran desempregados de longa duración.

Aposta polo emprego de calidade

Con respecto á calidade do emprego, Galicia subiu nun 1,01% a contratación xeral, aumentando nun 16,09% a indefinida -por riba da media do Estado- e nun 1,83% a tempo completo, o que contrasta cos lixeiros descensos no número de contratos temporais
(-0,22%) e parciais (-0,59%), e demostra o proceso de estabilización do emprego na Comunidade.

Toca salientou que, como mostra do compromiso do Goberno galego coa creación de postos de traballo de calidade, “xa se aprobaron máis de 40 millóns de euros, por anticipado de gasto, para programas de emprego que se desenvolverán este ano”. Así, referiuse aos máis de 22M€ para o impulso do emprego local; os 3,5M€ destinados ás Unidades Formativas tanto para ocupados como para desempregados; os 14M€ aprobados xa para os autónomos ou os máis de 3M€ para medidas de Economía Social. Estes orzamentos e programas iranse ampliando ata os máis de 255 millóns que se dedicarán este ano ao emprego co obxectivo de lograr, en 2019, xerar 15.000 novos postos de traballo a tempo completo.

Así, en 2019 impulsaranse programas pioneiros que xa se puxeron en marcha e que están dando bos resultados, ao tempo que se activarán novos plans para dar unha segunda oportunidade aos mozos sen cualificación para beneficiar a 1000 persoas ao ano. Asegurou tamén que se continuará prestando maior atención aos colectivos que máis o precisan como son as mulleres, os parados de longa duración e as persoas en risco de exclusión para os que se deseñaron programas específicos nos que se investirán 40 millóns de euros.

Con respecto á evolución mensual, a secretaria xeral de Emprego indicou que Galicia segue rachando, por segundo ano consecutivo, a tendencia xeral de toda a serie histórica de suba do desemprego nun mes de decembro e, así, o paro baixa un -0,63% (-1074 persoas) con respecto a novembro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.