Galicia restrinxe a mobilidade entre ás 23h e ás 6h

Así se decidiu tras a xuntanza do comité clínico, que descartou polo momento ampliar ou modificar as demais restricións vixentes actualmente en Galicia
Publicado por o día 27/10/2020 na sección de Coronavirus,Galicia

Galicia restrinxe a mobilidade entre ás 23h e ás 6h

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta mañá en rolda de prensa que Galicia restrinxirá a mobilidade entre as once da noite e as seis da mañá, cumprindo deste xeito a normativa estatal. Segundo confirmou Comesaña, o comité clínico considerou que este horario é suficiente, tendo en conta que toda a Comunidade está cumprindo o nivel 2 de restricións desde hai unha semana e que se limitaron as xuntanzas a un número máximo de 5 persoas, coas consabidas excepcións en determinados concellos e comarcas.

Na súa comparecencia, na que estivo acompañado polo xerente do Sergas, José Flores, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o conselleiro de Sanidade manifestou a súa preocupación pola evolución epidemiolóxica no concello de Lugo e nas comarcas de Ferrol, Pontevedra e Vigo, así como pola situación das comarcas de Santiago, Verín e O Carballiño. Tamén se referiu á situación nas comarcas de Ourense e Barbadás que a día de hoxe arroxan resultados estables.

Á vista desta situación, Comesaña confirmou que, se ben na xuntanza de onte do comité clínico non se decidiron novas medidas a adoptar, non se desbota a posibilidade de que na reunión do venres haxa que tomar novas decisións restritivas en función de como vai respondendo a evolución da pandemia. Neste sentido, a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, confirmou que se está a monitorizar continuamente a situación da covid-19 en Galicia, e que se esta empeora, o comité terá que actuar en consecuencia.

O titular da carteira sanitaria galega insistiu en reiteradas ocasións sobre a necesidade de cumprir as restricións e de tomalas moi en serio polo ben da conxunto da sociedade, lembrando que o virus segue moi activo. Agradeceu a toda a cidadanía que está a seguir as normas e fixo un chamamento para que todos os cidadáns se comprometan no cumprimento das restricións.

Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores, confirmou que a capacidade asistencial está garantida e que calquera cidadán que necesite atención sanitaria tanto pola covid-19 como por calquera outra patoloxía estará atendido. Se ben continúa a aumentar a ocupación de camas nos hospitais, tanto en planta como en UCI, as cifras aínda están lonxe das dos peores momentos da pandemia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.