Galicia reúne a varios expertos para pór en valor as potencialidades das algas na cosmética natural

O Centro Tecnolóxico do Mar acolleu hoxe un seminario do proxecto CVMAR+i no que se abordou desde diferentes vertentes o papel destes organismos mariños como fontes naturais e sustentables de novos produtos cosméticos
Publicado por o día 08/11/2019 na sección de Galicia,Mar,Vigo,Xunta de Galicia

Galicia reúne a varios expertos para pór en valor as potencialidades das algas na cosmética natural

Expertos de diferentes ámbitos relacionados coa investigación e a innovación no ámbito da cosmética coincidiron hoxe en resaltar a potencialidade tanto das microalgas como das macroalgas na procura de novos ingredientes de calidade para a cosmética natural.

Foi durante os diversos relatorios desenvolvidos no seminario sobre cosmética mariña que organizou o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, no marco do proxecto CVMAR+i, que centra os seus obxectivos na valorización dos recursos mariños.

Esta xornada foi inaugurada pola directora-xerente de Cetmar, Paloma Rueda, e serviu para constatar as grandes posibilidades de aplicación cosmética de diferentes especies de microalgas e de macroalgas. En relación ás microalgas púxose de relevo que contan con extractos e compostos bioactivos que se están a empregar con éxito en cremas ou produtos rexenerativos para a cara ou a pel, así como en protectores solares ou produtos para o coidado do cabelo.

Os expertos tamén destacaron o a alta potencialidade cosmética dos extractos das macroalgas grazas ás súas características antioxidantes, inmunoestimulantes ou emulsionantes, ademais de polas súas vitaminas e minerais. Un feito que responde ás demandas da industria cosmética que, con ánimo de atender aos consumidores, busca novos compostos máis naturais.

Durante o seminario expuxéronse ademais diferentes proxectos empresariais que, a través da interacción co ámbito investigador ou cos axentes relacionados coa recolección de algas, están permitindo ofrecer novos ingredientes cosméticos de calidade e con eficacia demostrada.

A Fundación Cetmar organizou esta xornada como unha actividade máis do proxecto CVMAR+i no que está a participar. Financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, este proxecto está liderado pola Universidade do Minho e centrado na valorización de recursos mariños.