Galicia vén de rexistrar o seu máximo histórico de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), ao acadar as 233 entidades activas logo da incorporación dos grupos de Campo Lameiro e Ribeira de Piquín. En total, suman preto de 4.600 voluntarios e están distribuídas polas catro provincias, con 74 na Coruña; 73 en Ourense; 43 en Lugo; e outras 43 en Pontevedra.
O sistema de Protección Civil botou andar nos anos 90 como un primeiro nivel de intervención e atención á poboación naqueles lugares onde non existían servizos profesionais. A partir de aí, foise creando unha ampla rede de agrupacións de voluntarios, que foi mellorando ao longo dos anos grazas á dotación de material e á formación dos seus membros.
Actualmente, co reforzamento do sistema de emerxencias, as AVPC céntranse especialmente en actividades de prevención, autoprotección, desenvolvemento de grandes eventos e apoio aos corpos profesionais na intervención directa. A súa colaboración é inestimable, en tanto son moitas veces as primeiras en chegar ante unha situación de urxencia. De feito, a Lei de Emerxencias de Galicia contempla que o sistema estará integrado tanto por persoal de carácter profesional como por voluntarios.
Co obxectivo de apoiar o traballo que desenvolven, a Xunta puxo en marcha durante os últimos anos distintas liñas de colaboración. Así, entre outras medidas, a Administración autonómica subvenciona os gastos de funcionamento e mantemento das agrupacións, tales como uniformes, aluguer da base, pagamento de seguros…De feito, este mesmo mes de agosto publicouse a resolución das axudas para este ano por un importe de 340.000 euros.
A esta convocatoria súmase a achega de medios materiais de emerxencias, a través dunha liña de subvencións en especie para a dotación de vehículos, remolques ou equipos de excarceración. Este ano está previsto adquirir 15 vehículos todo terreo e 20 remolques de emerxencia por importe de preto de 870.000 euros.
En total, a Xunta executou desde 2015 máis de 9 millóns de euros para apoiar ás agrupacións de Protección Civil, a través dun programa cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
A maiores da dotación de equipamento, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) ofrece formación aos voluntarios de Protección Civil, ben na súa sede da Estrada ou descentralizada nas provincias. A formación permite mellorar as habilidades dos participantes para poder intervir en distintos graos e de acordo coas necesidades na atención a accidentes e emerxencias. Así, ofrécense cursos en materia de incendios, salvamento e rescate, busca de persoas desaparecidas ou incidencias na circulación.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.