Galicia segue baixando o seu endebedamento e xa é a cuarta comunidade con menos débeda de toda España

A ratio de débeda/PIB descendeu ata o 18,3% no terceiro trimestre, fronte ao 24,4% de media autonómica

Galicia baixou en tres décimas o seu endebedamento público no terceiro trimestre do ano, ata situalo no 18,3%, e xa é a cuarta comunidade autónoma con menos débeda de toda España, só por detrás de Madrid, País Vasco e Canarias, segundo ratifican os datos publicados hoxe polo Banco de España.

Ao finalizar o terceiro trimestre do ano, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no 18,3%, dúas décimas por debaixo da rexistrada no mesmo período do ano anterior e tres décimas por debaixo da rexistrada no segundo trimestre. Ademais, o diferencial positivo de Galicia respecto á media autonómica (24,4%) mantense en 6,1 puntos, cando en 2008 estaba igualado á media.

Ao peche do terceiro trimestre, a débeda de Galicia xa estaba por debaixo do límite máximo autorizado para este ano, que é do 18,4%, polo que está en clara disposición de volver cumprir un ano máis o límite de débeda fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira, como vén facendo Galicia ano a ano durante a última década. Ademais, os datos do Banco de España volven ratificar que a débeda está totalmente estabilizada en Galicia desde 2014.

En volume absoluto, a débeda das comunidades autónomas situouse ao peche do terceiro trimestre en 292.381 millóns, o 3,9% deste importe -11.431 millóns- na comunidade galega, un importe que baixou en 118 millóns de euros no último trimestre. A xestión rigorosa da Xunta ten evitado que Galicia emitise 3.800 millóns de euros, xa que Galicia é a comunidade autónoma que menos incrementou o seu volume de débeda desde 2008.

Cuarta comunidade con menos débeda

Os datos do Banco de España ratifican que Galicia continúa entre as comunidades autónomas de referencia no control do seu endebedamento, froito do control da estabilidade orzamentaria que vén realizando a Xunta. De feito, Galicia é a cuarta comunidade con menor ratio de débeda/PIB, a terceira de réxime común.

O control da débeda pública é unha das bases do modelo de crecemento san que defende a Xunta, e é froito da progresiva redución do déficit que vén acadando o Goberno galego nos últimos anos. Este mellor comportamento respecto da media permitiu a Galicia acadar un importante aforro en xuros da débeda, que neste 2018 será duns 65 millóns de euros.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM